Convocadas as axudas económicas individuais para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade, que este ano increméntanse nun 30%

O prazo de solicitude das axudas estará aberto ata o 2 de maio
O prazo de solicitude das axudas estará aberto ata o 2 de maio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para  as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade, que este ano increméntase arredor dun 30%, cun orzamento de 3,55M€.

Tal e como destacou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o obxectivo destas axudas é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de milleiros de familias galegas do exterior que se encontran nunha situación económica precaria.  

A convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destina cada ano unha parte importante do seu orzamento.         

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

A convocatoria abrangue cinco tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas, por situación de enfermidade grave ou dependencia da persoa solicitante ou outra persoa da unidade familiar; as terceiras para persoas de 18 e 65 anos que se encontren incapacitadas para calquera actividade laboral por invalidez ou enfermidade permanente; as cuartas para maiores de 65 anos que padezan unha enfermidade crónica e carezan de cobertura médica suficiente para o seu tratamento; e as quintas, para mulleres maiores de idade e menores incapacitadas que acrediten sufrir violencia de xénero.

1195 lecturas