Benvida do Secretario Xeral

Benvidos á web da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia

Estimada/o internauta,

Antonio Rodríguez Miranda

Espero que este escaparate virtual da Secretaría Xeral da Emigración sirva para que se poidan coñecer un pouco máis o funcionamento, características e actividades dos centos de entidades galegas espalladas polo mundo. E o que podamos facer dende Galicia para todo o mundo.

O sentimento universal de galeguidade reviste unha característica común coas novas tecnoloxías: ambos transcenden os momentos temporais concretos e as fronteiras físicas para facer posible unha comunicación entre iguais en circunstancias que, doutra maneira, serían imposibles. Así, da mesma maneira que un ordenador se conecta a outros moitos para crear una rede invisible pero firme, a galeguidade consegue que milleiros de cidadáns galegos e galegas, malia as distancias quilométricas, sintan que forman parte dunha plena comunidade universal.

Ese sentimento renóvase permanentemente grazas ao traballo e esforzo cotiáns, e ás veces pouco recoñecido, de moitas directivas e moitos directivos de entidades galegas no Exterior, persoas ás que debemos todo o recoñecemento e sincero respecto, agarimo e admiración do pobo galego. E canda eles, a tódalas galegas e tódolos galegos espallados polos mil currunchos do mundo, herdeiros senlleiros desa semente de galeguidade que agroma aló onde reside un fillo ou unha filla da terra galega.

E tamén aos seus fillos e fillas, a aqueles e aquelas que, nados ou criados fóra da Galicia territorial, desexan manter e fornecer as pontes de relación coa súa terra, porque Galicia é tamén a súa terra. A elas e eles invito especialmente, a través desta páxina, a descubriren todo o que o noso país lles pode ofrecer, todo o que o noso país pode significar na súa memoria e, sobre todo, no seu futuro.

A Emigración ten ensinado moitas leccións ao noso pobo, e unha delas é a capacidade de enfrontar novos retos coa ilusión e a forza do primeiro día. Por iso estou certo de que nestes momentos Galicia poderá saír reforzada dos atrancos que cómpre superar. Mercé, en boa medida, á axuda e bo facer dos seus fillos e as súas fillas da diáspora.

Dese bo facer temos exemplos ilustres e egrexios en todo o mundo, pero de maneira moi destacada nalgúns países de Latinoamérica, onde o galego ou a galega son moitas veces sinónimo de emprendemento e xeración de riqueza, e a galeguidade unha icona recoñecida do éxito empresarial. Son eses homes e mulleres os que, en boa maneira, fan que nos sintamos orgullosos de sermos galegos e galegas cando viaxamos fóra. Esa bagaxe empresarial debe servirnos tamén para axudarnos, na Galicia territorial, a superar este tempo de incerteza mundial no aspecto económico.

Benvida, benvido, a este espazo virtual común de tódalas galegas e tódolos galegos do mundo.

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario Xeral da Emigración