Aberto o prazo para solicitar as Axudas Económicas Individuais para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade

O Goberno galego  publica hoxe no DOG esta convocatoria que destina 2,75M€ ás persoas en grave risco social.

O prazo de solicitude rematará o próximo 29 de marzo.

O prazo de solicitude rematará o próximo 29 de marzo
O prazo de solicitude rematará o próximo 29 de marzo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para  as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade.

A partida deste ano chega novamente ata os 2.750.000 euros. O obxectivo é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de milleiros de familias galegas do exterior que se encontran nunha situación económica precaria, especialmente no actual contexto de pandemia. 

O prazo para presentar a solicitude permanecerá aberto ata o 29 de marzo. Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destina cada ano unha parte importante do seu orzamento.         

A convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

A convocatoria abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas, por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante; as terceiras, por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas, por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas, por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas, para as mulleres que sufran violencia de xénero; e, as últimas, para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.  

Para maior información, as e os interesados poden dirixirse a esta ligazón.

1937 lecturas