A Xunta reforza con 4 millóns de euros as axudas económicas individuais para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade

O obxectivo destas axudas é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de 8.000 familias galegas do exterior que se atopan nunha situación económica precaria.

Esta liña de axudas increméntase nun 15% para mellorar a capacidade económica das e dos galegos máis necesitados fronte aos fortes procesos inflacionarios que sofren os países de América.

O prazo de solicitude das axudas económicas individuais a galegas e galegos residentes no exterior está aberto ata o 25 de marzo
O prazo de solicitude das axudas económicas individuais a galegas e galegos residentes no exterior está aberto ata o 25 de marzo
Axudas económicas individuais a galegos e galegas residentes no exterior. Exercicio 2024
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2024.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade, que este ano conta cun orzamento de preto de 4 millóns de euros, un 15% máis que o ano anterior.

O obxectivo destas axudas é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de miles de familias galegas do exterior que se atopan nunha situación económica precaria.

A convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento destina cada ano unha parte importante do seu orzamento.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

A convocatoria abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas, por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de emerxencia social sobrevinda por desemprego na unidade económica familiar.

631 lecturas