Rueda viaxará a América para manter encontros empresariais e institucionais que reforcen alianzas estratéxicas tecidas polas raíces comúns

Alfonso Rueda reunirase con autoridades, empresariado e investidoras e investidores interesados nos proxectos económicos e industriais nos que traballa Galicia. 

O mandatario galego quere aproveitar a situación estratéxica de Galicia como ponte entre América e Europa.

A Xunta ten a disposición dos galegos e galegas do exterior máis dun cento de programas dirixidos a facilitar o retorno a través da mellora na formación e o acceso ao emprego das e dos descendentes das e dos emigrantes, artellados arredor da Estratexia Galicia Retorna 2023·26.

O presidente da Xunta visitará Panamá, Venezuela e México
O presidente da Xunta visitará Panamá, Venezuela e México
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2023.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxará a América para manter encontros empresariais e institucionais que reforcen alianzas estratéxicas tecidas polas raíces comúns. Con ese obxectivo, o titular do Goberno galego iniciará o mércores 12 de abril unha viaxe a Panamá, Venezuela e México con un carácter marcadamente económico.

O mércores 12 viaxará a Panamá, para chegar a Venezuela o venres 14. O domingo 16 e o luns 17 permanecerá en México, e o martes 18 estará de volta en Galicia. Na súa segunda viaxe ao continente americano como titular do Goberno galego, Alfonso Rueda quere estreitar lazos coa comunidade galega no exterior e erixir un marco de progreso para as vindeiras xeracións.

Na axenda do mandatario galego figuran reunións con autoridades, pero, principalmente,  con empresariado  e investidoras e investidores interesados nos proxectos económicos e industriais nos que traballa Galicia para afianzar as súas fortalezas botando man das súa situación estratéxica como ponte entre América e Europa e das oportunidades que se presentan en sectores punteiros nos que Galicia ten moito que aportar ao continente americano.

O presidente da Xunta tamén ten previsto reunirse coas asociacións de galegas e galegos en Panamá, Venezuela e México para coñecer de primeira man as súas actividades e recoller as súas inquedanzas, tendo en conta que a Xunta coloca entre as súas prioridades corresponder coas e cos galegos no exterior para saldar a débeda histórica cunha colectividade que tanto contribuíu ao benestar de Galicia.

Alfonso Rueda considera “de xustiza” ofrecerlles a oportunidade de volver á terra das súas orixes e, con esa intención, informarase ás diferentes xeracións de galegas e galegos en América Central e América do Sur sobre os programas habilitados pola Xunta para facilitar o retorno a través da mellora na formación e o acceso ao emprego das e dos fillos e netos da emigración, artellados en torno á Estratexia Galicia Retorna 2023·26.

O documento, aprobado o pasado decembro, ten como obxectivo facilitar o regreso a Galicia de 30.000 persoas nos vindeiros catro anos, con axudas para establecerse, para continuar os estudos ou para conseguir un traballo estable. A nova Estratexia Retorna conta co aval da anterior edición, de 2018 e pioneira en España, que permitiu o regreso de 28.000 galegas e galegos desde 40 países. Rueda exporá as liñas básicas desta iniciativa, que parte da premisa de que o retorno non é só un dereito, senón tamén unha oportunidade para poñer en marcha un novo proxecto de vida na terra de orixe. A iniciativa pechou con tal éxito o primeiro período, que xa está a ser imitada por outras Comunidades autónomas.

Continuación dunha primeira viaxe moi produtiva 
A viaxe a Panamá, Venezuela e México continúa os encontros do presidente da Xunta coas colectividades galegas no exterior iniciados no pasado mes de outubro, cando Alfonso Rueda realizou un periplo de cinco días por América do Sur que o levou á Arxentina e ao Uruguai.

Daquela, o mandatario galego tamén mantivo encontros coa galeguidade no exterior, así como reunións de carácter institucional e empresarial que deron como resultado un afianzamento das relacións comerciais entre Galicia e América do Sur, así como un fortalecemento das relacións coas comunidades galegas en ambos os dous países.

164 lecturas