Rueda inicia unha viaxe por Panamá, Venezuela e México para reforzar alianzas económicas e institucionais

Reunirase con diferentes autoridades coma o presidente de Panamá, Laurentino Cortizo, ou o embaixador de España nese país.

Manterá encontros con empresariado e investidoras e investidores interesados en proxectos económicos e industriais que se desenvolven en Galicia.

Visitará as instalacións de asociacións de galegas e galegos para coñecer as súas inquedanzas e os servizos que ofrecen á colectividade. 

O presidente da Xunta de Galicia visitará América ata o vindeiro luns
O presidente da Xunta de Galicia visitará América ata o vindeiro luns
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inicia unha viaxe por Panamá, Venezuela e México na que manterá encontros con autoridades, empresarias e empresarias e investidoras e investidores para reforzar alianzas institucionais e económicas. Ademais, na que será a segunda viaxe a América como titular do Goberno galego, Rueda tamén se reunirá coas asociacións de galegas e galegos nestes países para coñecer de primeira man as inquedanzas da colectividade galega.

A visita comezará en Panamá. Tras unha xornada neste país, o presidente chegará a Venezuela o venres para despois trasladarse a México, onde permanecerá o domingo 16 e o luns 17 de abril. O martes regresará a Galicia.

A primeira parada do presidente en América será mañá no Canal de Panamá, unha infraestrutura na que a emigración galega deixou unha forte pegada xa que uns 12.000 galegos participaron na súa construción. De feito, Rueda asistirá pola tarde ao acto da primeira palada para a construción do monumento na honra dos galegos que traballaron na construción deste Canal.

Ademais, o presidente autonómico manterá un encontro con diferentes autoridades do país para estreitar relacións e afianzar a colaboración entre ambas institucións. O titular do Goberno galego reunirase mañá co presidente de Panamá, Laurentino Cortizo, e co embaixador de España neste país americano, Guzmán Palacios. 

O venres, Rueda iniciará a súa primeira viaxe como presidente da Xunta a Venezuela – xa viaxou a este país anteriormente na súa etapa como conselleiro- con diferentes encontros con asociacións de galegas e galegos no país. O titular do Goberno galego reunirase con representantes de entidades que aglutinan a colectividade galega no país,  visitará algunhas das instalacións nas que ofrecen servizos educativos, sociosanitarios ou de asesoramento para os galegos e galegas e as e os seus descendentes e asistirá a un acto cultural, no que participarán agrupacións de diferentes centros galegos no país.

A viaxe rematará con dúas xornadas en México, de carácter marcadamente económico. Rueda manterá primeiro un encontro con empresarias e empresarios galegos, españois e mexicanos e posteriormente terá outra reunión con investidoras e investidores mexicanos, interesados nos proxectos económicos e industriais nos que traballa Galicia.

O obxectivo é reforzar as alianzas económicas entre Galicia e o país americano tendo en conta a situación estratéxica da comunidade galega coma ponte entre América e Europa e as oportunidades que se presentan en sectores punteiros nos que Galicia ten moito que aportar ao continente americano.

Durante a estancia en México tamén se reunirá con representantes da colectividade galega e asistirá a diferentes actos culturais vencellados a Galicia.

Segunda viaxe do presidente a América 
A viaxe a Panamá, Venezuela e México permitirá seguir reforzando as relacións comerciais entre Galicia e América así como seguir estreitando lazos coa colectividade galega. Deste xeito, Rueda continúa co labor iniciado o pasado mes de outubro cando realizou un periplo de cinco días por Arxentina e Uruguai no que, como ocorre nesta ocasión, centrou o obxectivo da visita en manter encontros con empresariado, autoridades e asociacións de galegas e galegos no exterior.

182 lecturas