"O espectáculo é unha homenaxe e un agradecemento á xente da diáspora"

Xacarandaina trae a Santiago 'Galizien Amerika Linie'.

Será este domingo, ás 20.00 horas, no Auditorio de Galicia.

Música e baile tradicional mestúranse no escenario con imaxes inéditas da emigración galega cedidas polo CGAI.

Música, danza tradicional galega e imaxes da nosa emigración mestúranse neste espectáculo
Música, danza tradicional galega e imaxes da nosa emigración mestúranse neste espectáculo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014.

A agrupación tradicional Xacarandaina chega este domingo a Santiago con Galizien Amerika Linie. O espectáculo, que leva xa dous anos percorrendo escenarios, pretende achegar ao público un dos fenómenos da nosa historia contemporánea máis recente: a emigración. Segundo explicou en Radio Obradoiro Quique Peón, director de Xacarandaina, o espectáculo toma o seu nome "dun dos barcos que levaba daquela aos emigrandes cara América. O barco era  a porta a aquel éxodo enorme que se produciu. Lamentablemente o tema é unha das nosas escollas máis atinadas, porque parece que se repite a historia". O espectáculo é "unha homenaxe e un agradecemento á xente da diáspora. Galicia é moito máis que a Galicia xeográfica". Peón sinalou que "malia que o fío central do espectáculo é duro, porque a emigración tócanos a todos de perto, un sae do teatro con ganas de vivir, de traballar e orgulloso de ser galego".

Galizien Amerika Linie mestura a actuación do grupo coruñés, cos seus bailes, danzas, músicas, vestiarios e posta en escena con deseño de luz, deseño espazo sonoro e audiovisual, coas novas tecnoloxías, facendo de Galizien Amerika Linie algo novidoso e único. O espectáculo integra imaxes inéditas da emigración galega cedidas polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

Peón tamén falou da iniciativa que impulsaron varias agrupacións galegas para declarar ao baile tradicional Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Unesco. "Segue adiante, pero a cousa vai lenta porque hai que superar unha serie de pasos burocráticos", explicou.

 

 

Fonte: Radio Obradoiro

1339 lecturas