Galicia comparte coa Rioxa unha xornada de traballo para profundizar nas políticas de retorno

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o subdirector xeral de Cooperación Internacional e Centros no Exterior do Goberno da Rioxa, Rodrigo Carlo Teijeiro Fussi, presidiron hoxe un encontro no que se puxeron sobre a mesa experiencias comúns neste ámbito acordándose a posta en marcha de futuras accións conxuntas no exterior.

Galicia conta cunha estratexia integral de apoio ao retorno, pioneira en España, que busca o regreso de 30.000 galegos ata 2026 con máis de 100 medidas e un orzamento que supera os 50 millóns de euros.

Na reunión participaron os equipos técnicos de ambos departamentos autonómicos.

  • Galicia comparte coa Rioxa unha xornada de traballo para profundizar nas políticas de retorno
    Galicia comparte coa Rioxa unha xornada de traballo para profundizar nas políticas de retorno
  • Galicia comparte coa Rioxa unha xornada de traballo para profundizar nas políticas de retorno
    Galicia comparte coa Rioxa unha xornada de traballo para profundizar nas políticas de retorno
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o subdirector xeral de Cooperación Internacional e Centros no Exterior do Goberno da Rioxa, Rodrigo Carlo Tejeiro Fussi, presidiron hoxe un encontro de traballo co obxectivo de poñer sobre a mesa as políticas de retorno de ambas autonomías de cara a profundar e compartir experiencias comúns neste ámbito, acordándose a posta en marcha de futuras accións conxuntas no exterior.

Na reunión participaron os equipos técnicos deste departamento autonómico de La Rioja, así como as tres subdirectoras da Secretaría Xeral da Emigración.

Rodrigo Carlo Tejeiro trasladou as iniciativas que se están a desenvolver nestes momentos na Rioxa co obxectivo de atraer o regreso dos emigrantes, mentres, pola súa banda, Rodríguez Miranda explicou aos representantes rioxanos que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2018 un documento que tiña como obxectivo proporcionar instrumentos de atracción para os galegos do exterior así como para a súa incorporación ao mercado laboral, e a súa inserción na sociedade galega. “Dado o éxito desta iniciativa, a finais do ano pasado, ampliouse novamente ata 2026, co obxectivo de favorecer o regreso de 30.000 galegos máis”.

O secretario xeral destacou que a continuidade deste programa -a primeira edición foi a primeira estratexia integral de apoio ao retorno posta en marcha en España- busca por unha vía facilitar o regreso a todos aqueles galegos “que teñen dereito” a volver a súa terra, “compensar o saldo vexetativo negativo” que rexistra Galicia, e por outro lado, contar así coa vantaxe competitiva que supón a súa experiencia.

O responsable da Xunta de Galicia explicou aos representantes do Goberno de La Rioja as catro áreas en que incide a EGR2026, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (8). O documento inclúe, ademais, un aumento de propostas especificamente dirixidas aos galegos que queiran retornar, que pasan de contar cun orzamento de 15 millóns de euros a 50. A esta cifra hai que sumarlle aquelas medidas que ofrecen algún tipo de incentivo aos galegos do exterior que decidan regresar á súa terra, o que eleva o orzamento total a 450 millóns.  

Trátase do documento reitor das liñas de actuación para os cidadáns galegos residentes no exterior que, na actualidade, superan o medio millón de persoas, entre emigrantes e os seus descendentes. Recolle, así, as principais liñas de traballo en materia de retorno co obxectivo de facer de Galicia a mellor opción para viviren para as galegas e galegos residentes no exterior.   

Así mesmo, intensificarase o asesoramento, seguimento e apoio integral ás familias no retorno, e tamén ao emprendemento e ao autoemprego dos galegos retornados, en especial no rural galego; facilitarase o acceso á vivenda a través da incorporación da figura dos retornados as liñas de axuda para alugueiro, rehabilitación e compra; promoverase a continuidade educativa dos retornados e dos seus familiares; e facilitarase a participación nos programas de inclusión sociolaboral, reforzando a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude retornada.

217 lecturas