Galicia comparte con Asturias as políticas de retorno que facilitan o regreso das colectividades do exterior

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Emigración e Políticas de Retorno do Goberno do Principado de Asturias, Olaya Gómez Romano, mantiveron hoxe un encontro no que se analizaron as iniciativas postas en marcha pola Xunta nos últimos anos para apoiar a volta das e dos galegos do exterior.  

Galicia conta cunha estratexia integral de apoio ao retorno, pioneira en España, que procura que 30.000 galegas e galegos poidan retornar ata 2026 con máis de 100 medidas e un orzamento que supera os 50 millóns de euros. 

Esta reunión enmárcase dentro da Declaración de Taramundi que ten coma obxectivo colaborar e tecer alianzas entre Galicia e Asturias para afrontar os desafíos demográficos de ambas comunidades.

  • Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
    Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
  • Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
    Imaxe da reunión celebrada na sede da Secretaría Xeral da Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Emigración e Políticas de Retorno do Goberno do Principado de Asturias, Olaya Gómez Romano, mantiveron un encontro esta mañá co obxectivo de profundar nas políticas de retorno que ten en marcha dende fai anos a Xunta de Galicia e que facilitan o regreso da colectividade galega do exterior. 

Na reunión participou a subdirectora de Retorno da Secretaría Xeral da Emigración, Begoña Solís.

O secretario xeral destacou o interese de Asturias polo labor que está a desenvolver neste eido Galicia, evidenciado non só no feito de ser un dos temas habituais dos encontros entre os presidentes de ambas comunidades autónomas, senón tamén no compromiso de Adrián Barbón ante Alfonso Rueda de trasladar a Asturias a experiencia galega da Estratexia Galicia Retorna a través da Declaración de Taramundi que ten como obxectivo colaborar e tecer alianzas para afrontar os desafíos demográficos que afrontarán ambas comunidades nos próximos anos. 

Deste xeito, Antonio Rodríguez Miranda agradeceu á representante do Goberno asturiano o seu interese polas iniciativas que está a desenvolver a Xunta neste senso, recordando que o éxito da primeira Estratexia Galicia Retorna, pioneira en España, permitiu a súa ampliación a finais do ano pasado, ata 2026. “O noso obxectivo é que este documento, que inclúe 100 medidas transversais e específicas de apoio ao retorno de toda a Administración galega, facilite o regreso de 30.000 galegos máis”, explicou o secretario xeral, tras trasladarlle a Olaya Gómez Romano os datos da primeira Estratexia, que supuxeron a chegada de 28.000 galegas e galegos residentes no exterior dende 2018 ata 2022.

O secretario xeral destacou que este programa busca por unha vía facilitar o regreso a todas e todos aqueles galegos “que teñen dereito” a volver a súa terra, “compensar o saldo vexetativo negativo” que rexistra Galicia, e por outro lado, contar así coa vantaxe competitiva que supón a súa experiencia.

Miranda explicou á representante do Goberno do Principado de Asturias as catro áreas en que incide a EGR2026, a laboral é a que aglutina unha maior cantidade de medidas (37), seguida da educativa (30), a social (25) e a de asesoramento, seguimento, coordinación e control (8). O documento inclúe, ademais, un aumento de propostas especificamente dirixidas aos galegos e galegas que queiran retornar, que pasan de contar cun orzamento de 15 millóns de euros a 50. A esta cifra hai que sumarlle aquelas medidas que ofrecen algún tipo de incentivo aos galegos e galegas do exterior que decidan regresar á súa terra, o que eleva o orzamento total a 450 millóns.  

Trátase do documento reitor das liñas de actuación para as e os cidadáns galegos residentes no exterior que, na actualidade, superan o medio millón de persoas, entre emigrantes e as e os seus descendentes. Recolle, así, as principais liñas de traballo en materia de retorno co obxectivo de facer de Galicia a mellor opción para viviren para as galegas e galegos residentes no exterior.   

Así mesmo, Galicia, segundo aportou Antonio Rodríguez Miranda, intensifica dende fai anos a información e o apoio integral ás familias no retorno, e tamén ao emprendemento e ao autoemprego das e dos galegos retornados, coa creación da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno nas catro provincias. 

295 lecturas