A UE declara ilegal o cálculo da pensión que España aplica a emigrantes

O Instituto Nacional da Seguridade Social non ten en conta os anos traballados no estranxeiro para determinar a contía da prestación por xubilación ás persoas retornadas.

O fallo da Xustiza europea responde a unha consulta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Un grupo de emigrantes galegos e galegas nun centro galego do exterior. Foto: La Opinión de A Coruña.
Un grupo de emigrantes galegos e galegas nun centro galego do exterior. Foto: La Opinión de A Coruña.
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 22 de febreiro de 2013.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditaminou o pasado 21 de febreiro que a normativa española pola que se rexe o cálculo de pensións ás e aos emigrantes galegos retornados contradí as directrices europeas posto que establece "unha desigualdade de trato entre traballadores sedentarios e emigrantes". O fallo prodúcese en resposta á consulta realizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación ao caso dunha muller, residente en Ourense, que emigrou a Portugal e á que non lle tiveron en conta os seus cinco anos de traballo neste país para calcular a contía da súa pensión.

A lexislación española recoñece o dereito a unha pensión de xubilación contributiva sempre que, entre outros requisitos, se cotizase un mínimo de quince anos. A contía da pensión calcúlase en función das bases de cotización do traballador ou traballadora durante os seus últimos quince anos de vida laboral, pero exclúense os períodos no estranxeiro.

No caso da traballadora afectada, o Instituto Nacional da Seguridade Social non computou os seus cinco anos de traballo en Portugal, de maneira que a súa pensión quedou reducida a 336 euros mensuais. Esta muller cotizou primeiro en España no Réxime Especial de Traballadores Autónomos entre o 1 de febreiro de 1989 e o 31 de marzo de 1999. Despois marchou a Portugal onde estivo a traballar entre o 1 de marzo de 2000 ata o 31 de decembro de 2005.

A Seguridade Social tivo en conta o seu período no estranxeiro á hora de determinar se cumpría co mínimo de anos cotizando para ter dereito a unha pensión. Xuntando a súa etapa en España e Portugal esta muller sumaba xusto 15 anos de traballo, de maneira que lle corresponde unha pensión contributiva. O problema xorde á hora de calcular a contía.

O Instituto Nacional de Seguridade Social obvia o período de cinco anos de traballo en Portugal e utiliza as bases de cotización dos quince anos anteriores á súa marcha ao estranxeiro, entre 1984 e 1999. Non obstante, tendo en conta que esta muller non empezou a traballar ata 1989 os anos previos compútanlle a cero, de maneira que a contía da súa pensión queda rebaixada a 336 euros mensuais.

Esta traballadora solicitou unha revisión desta prestación para que se computen os seus anos traballados en Portugal, o que elevaría a pensión a 864 euros mensuais. A súa reclamación foi desestimada, de maneira que acudiu ao xulgado do social número 3 de Ourense, onde tampouco lle deron a razón. E de alí recorreu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O alto tribunal galego considera que a pensión que se fixou para esta muller axústaase á normativa española, pero dubida de que estas regras respecten as directrices da Unión Europea e por iso decidiu trasladar unha consulta ao respecto ao Tribunal de Xustiza da UE.

A corte europea ditou sentenza e advertiu a España de que "os estados membros deberán respectar o dereito da Unión e, en concreto, a liberdade que se recoñece a todo cidadán comunitario de circular e residir no territorio dos Estados membros".

Segundo aconsellan, a normativa española debería adaptar o sistema de cálculo das pensións de xubilación para que teña en conta "o exercicio por parte do traballador do seu dereito á libre circulación". Por esta razón, o fallo resolve que o dereito da Unión Europea "oponse á normativa española.

 

Fonte e foto: La Opinión de A Coruña

989 lecturas