Igualdade participará nunha investigación internacional sobre os dereitos das mulleres emigrantes vítimas de trata

A iniciativa forma parte do proxecto internacional Itíneris, a cuxa posta en marcha asiste en Viena a secretaria xeral de Igualdade, Marta González.

A participación neste proxecto resulta de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade autónoma.

Listen to this page using ReadSpeaker
25 de agosto de 2011.

A Secretaría Xeral da Igualdade vai participar nunha investigación internacional, desenvolvida conxuntamente por Galicia, Portugal e Brasil, sobre os dereitos da poboación inmigrante no ámbito da trata de mulleres con fins de explotación sexual. Ese é un dos primeiros compromisos asumidos hoxe en Viena (Austria), no marco da xuntanza que se celebra para a posta en marcha do proxecto internacional Itíneris.

A titular de Igualdade da Xunta, Marta González, participa desde onte na capital austríaca nas sesións iniciais do proxecto Itineris, do que Galicia forma parte como socia, xunto a Portugal e Brasil. Promovido polo Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias (ICMPD en inglés), con sede en Viena, o programa ten como obxectivo establecer medidas e actuacións coordinadas entre os países participantes para protexer os dereitos das persoas inmigrantes, especialmente no ámbito da explotación e da trata, cunha liña de actuación complementaria entre os países de orixe e de destino.

Ademais da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, asisten á xuntanza, por parte de Brasil, representantes de diferentes departamentos dos ministerios de Xustiza e de Traballo, da policía federal e de UNOCOD (United Nations Office on Drugs and Crime); e, por parte de Portugal, representantes da Comisión para a Igualdade de Xénero e do Servizo de Inmigración; así como responsables das embaixadas de Portugal e Brasil en Viena e da embaixada portuguesa en Brasil.

Itíneris, que terá unha duración de 30 meses, actuará nunha primeira fase en orixe, en Brasil, con accións formativas para as persoas que traballan nas 27 superintendencias rexionais de Traballo do país, para mellorar a información sobre os dereitos dos inmigrantes, os riscos inherentes ao fluxo migratorio e campañas de información centradas nos estados que son os principais focos de orixe de mulleres con destino a Europa para exercer a prostitución. Entre outros, os estados que proporcionan maior fluxo de mulleres con destino a Europa e América Latina son os de Acre, Bahía, Ceará, Goiás, Pará, Pernambuco, Rio de Xaneiro ou Sao Paulo.

Segundo datos do Ministerio de Xustiza de Brasil ofrecidos na sesión de hoxe, no país hai detectadas 241 rutas de tráfico interno e internacional de adolescentes e mulleres para fins de explotación sexual. España figura entre os principais países de destino en Europa, xunto a Holanda, Italia e Portugal. Polo xeral, estas mulleres atopan nos seus destinos unhas condicións de traballo que as obrigan a exercer entre 10 e 13 horas diarias no mercado do sexo, con insalubridade e sen acceso aos servizos de saúde.

A relevancia da cooperación internacional
O primeiro compromiso asumido pola Secretaría Xeral da Igualdade consiste na participación na elaboración dunha investigación sobre os dereitos da poboación inmigrante vencellada á trata de persoas para explotación sexual na comunidade autónoma, como parte dun traballo xeral no que tamén intervirán Portugal e Brasil. Complementariamente, vanse planificar outras actuacións dirixidas a mellorar a capacidade das administracións de cada país na loita contra o tráfico e a trata de seres humanos e fortalecer a cooperación nacional e internacional na loita contra a trata, con consultas transnacionais e intercambio de mellores prácticas.

Asemade, está prevista unha visita técnica a Galicia dunha delegación brasileira, ao obxecto de coñecer in situ a situación e as condicións de vida das mulleres brasileiras que se ven obrigadas a exercer a prostitución na comunidade.

Compromiso de Galicia para abordar a problemática en orixe
A participación en Itíneris resulta de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres que exercen a prostitución na comunidade, xunto a Romanía e Nixeria. Segundo datos da memoria de 2008 da Fiscalía Superior, o número de mulleres identificadas en Galicia entre 2005 e 2008 polas forzas de seguridade como vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual foi de 234, de acordo co posto de manifesto por elas mesmas en dependencias policiais.

Os informes da ONU poñen de manifesto que España é utilizada como país de tránsito nun grao que se considera baixo e como país de destino nun grao alto, recibindo vítimas procedentes de Colombia, República Dominicana, Nixeria, Rusia, Ucrania, Romanía, Bulgaria, Brasil, Croacia, República Checa, Hungría, Marrocos, Polonia e outros países.

Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias (ICMPD)
O proxecto Itíneris é unha iniciativa do ICMPD, entidade que ten como obxectivo mellorar e facilitar a cooperación rexional e internacional nas políticas de migración e promover políticas innovadoras, desde a perspectiva dunha migración global e sostible. A colaboración dos estados membros do ICMPD responde ao obxectivo de abordar mediante estratexias coordinadas de gobernos e organizacións internacionais a complexidade da migración.

1074 lecturas