Convocada a edición deste ano do programa ‘Reencontros na Terra’, do que se beneficiarán 135 galegas e galegos no exterior

Mercé a esta iniciativa da Xunta, as e os maiores da diáspora retornan temporalmente á Galicia territorial e poden beneficiarse dunha estadía de quince días na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, e aínda despois poden quedar coas súas familias ata un tempo máximo total de tres meses. 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de xullo.

  • Imaxe de arquivo da visita do vicepresidente da Xunta e o secretario xeral da Emigración á Residencia de Tempo Libre de Panxón, onde estaban aloxados as e os participantes da edición de 2015
    Imaxe de arquivo da visita do vicepresidente da Xunta e o secretario xeral da Emigración á Residencia de Tempo Libre de Panxón, onde estaban aloxados as e os participantes da edición de 2015
  • Imaxe de arquivo da chegada ao aeroporto de Vigo das e dos participantes no programa de Reencontros na Terra 2015
    Imaxe de arquivo da chegada ao aeroporto de Vigo das e dos participantes no programa de Reencontros na Terra 2015
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2016.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convoca a edición deste ano do programa “Reencontros na Terra”, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Consellería de Política Social. Nesta edición de 2016, formarán parte do programa un total de 135 persoas.

A iniciativa ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos e galegas de 65 ou máis anos de idade, que así poden redescubrir as súas raíces, tanto de tipo cultural e social, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes.

Aínda que tódolas persoas participantes han de ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra. Segundo as bases hoxe publicadas no DOG, o prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de xullo. A documentación será avaliada seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español, e a idade da persoa solicitante, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celebraranse reunións informativas previas nos diferentes  países nas que participan os beneficiarios e beneficiarias e nas que intervén persoal das delegacións da Xunta ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; as ou os médicos acompañantes no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai); e persoal designado pola axencia de viaxes que resulte adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

A estadía
O programa pode estenderse ata un máximo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas, da que se benefician tódalas e tódolos participantes, consiste nunha estadía de dúas semanas, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas ás e aos participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día, incluíndo visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e recepción institucional, e diversas visitas a outras vilas galegas.

Canto á posible segunda fase, esta consiste nunha estadía coas e cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón, para algúns dos beneficiarios e beneficiarias, unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

2724 lecturas