A Xunta pon en marcha “Conecta co Camiño”, un programa destinado a que 60 mozas e mozos galegos do exterior percorran a ruta xacobea

As e os participantes percorrerán oito tramos a pé polos Camiños Portugués pola Costa ata Compostela, coñecendo aspectos da historia xacobea e do patrimonio cultural galego.

O prazo de solicitude do Conecta co Camiño 2024 estará aberto ata o 20 de maio
O prazo de solicitude do Conecta co Camiño 2024 estará aberto ata o 20 de maio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024.

O Diario Oficial de Galicia fixo pública hoxe a convocatoria das axudas para a participación no programa de lecer “Conecta co Camiño” que ofrece 60 prazas para que mozos e mozas galegas do exterior de entre 18 e 20 anos poidan percorrer a ruta xacobea entre o 19 e o 31 de xullo.

Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen.

En total, ofértanse 60 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. As e os beneficiados aloxaranse na residencia xuvenil Altamar de Vigo.

O programa desenvolverase a través do percorrido por oito tramos galegos a pé polo Camiño de Santiago Portugués pola Costa ata Compostela, así como na participación en actividades orientadas a coñecer aspectos da historia xacobea e o patrimonio cultural vencellado á zona da contorna.

A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

A Xunta farase cargo da organización da viaxe, dos traslados das e dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, sempre dependendo do nivel de renda dos beneficiarios e beneficiarias, que poderá supor afrontar parte do custo do voo, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes, que se abre mañá, remata o próximo 20 de maio.

680 lecturas