A Coordinadora Federal das Asociacións Galegas, de Alemaña, concede a súa Medalla de Ouro a Santiago Camba

Listen to this page using ReadSpeaker
20 de abril de 2011.

O Secretario Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, ven de ser galardoado coa medalla de ouro, na súa edición de 2011, da Coordinadora Federal das Asociacións Galegas, de Alemaña.

Trátase dunha entidade da que forman parte os nove centros galegos no país centroeuropeo, que foi fundada hai xa quince anos, e que preside Ramiro Vieito.

Na xuntanza da Coordinadora, celebrada o pasado 9 de abril en Frankfurt, na sede dunhas das asociacións integrantes, acordouse por unanimidade conceder esta distinción a Santiago Camba, en virtude da traxectoria de defensa dos intereses da diáspora galega na institución que representa.

Antes de Camba, teñen recibido esta distinción outorgada pola entidade que engloba ás asociacións de emigrantes galegos en Alemaña, entre outros, o ex conselleiro da Emigración Aurelio Miras, ou algunha das publicacións editadas en Galicia e destinadas á diáspora.

Máis de 9.000 socios
Os centros que forman na actualidade a Coordinadora Federal das Asociacións Galegas, en Alemaña, son o Centro Galego de Nürnberg, o Centro Cultural Galego de Frankfurt, o Centro Cultural e Deportivo de Galicia Emigrante 1972 de Gütersloh, o Centro Cultural Galego de Cuxhaven, a Asociación Cultural Galega de Hamburgo, o Centro Galego de Hannover, a Peña Galega de Múnic, a Sociedade Galega Deutsch-Spanische Vereinigung de Sindelfingen, o Círculo da Cultura Galega e Cabaleiros de Santiago de Nürnberg, o Grupo Cultural Galego de Troisdorf, e o Club Galicia de Bonn.

A entidade conta na actualidade con máis de 9.000 socios en total, dos que máis do 95 por cento son galegos. Entre as actividades desenvolvidas pola Coordinadora (e á marxe das habituais culturais, musicais, e festivas, que organiza cada asociación integrante), destaca a Reunión da Emigración. Neste evento, faise entrega de distintos recoñecementos a persoas destacadas polo seu labor en favor dos emigrantes, e en ocasións mesmo celébrase na Galicia territorial, como no ano 2002, en que tivo lugar no concello coruñés de A Baña. 

1793 lecturas