As comunidades galegas en Cuba representarán a gastronomía da illa na XV edición de ‘Xantar’

Cuba –país invitado este ano- e os galegos e galegas residentes no país estarán representados na parte gastronómica polo restaurante do centro galego Sociedade Cultural Rosalía de Castro, da Habana.

'Xantar, XV Salón Internacional de Gastronomía e Turismo' celébrase en Ourense do 5 ao 9 de febreiro
"Xantar, XV Salón Internacional de Gastronomía e Turismo" celébrase en Ourense do 5 ao 9 de febreiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2014.

‘Xantar, XV Salón Internacional de Gastronomía e Turismo’, que se celebra entre o 5 e o 9 de febreiro en Ourense, ten este ano a Cuba como país invitado. A illa estará representada na súa parte gastronómica polo restaurante da Sociedade Cultural Rosalía de Castro da Habana.

Esta Sociedade é unha das cinco comunidades galegas presentes na capital cubana que posúen local público destinado á restauración. As outras catro son a Sociedade Estudantil Concepción Arenal, a Agrupación Artística Galega, Asociación Naturais de Ortigueira Sociedade Española de Beneficencia e Protección Mutua, e a Sociedade A Aurora de Somozas.

Con esta presenza en Xantar, as comunidades galegas no Exterior son protagonistas en tan destacado evento gastronómico. Cómpre destacar o feito de que as entidades galegas poden así representar ao seu país de asentamento, mostra da súa capacidade de inserción. Asemade, supón unha honra para as e os cubanos de orixe galega poder presentar o país no que viven ante a sociedade actual galega.

Dáse tamén continuidade ao traballo iniciado no pasado mes de decembro na viaxe á illa do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no sentido de afondar nas relacións entre Cuba e Galicia. Froito dese afondamento, as comunidades galegas cobraron nova relevancia como nexo de unión entre ambos países, e o seu papel de presente e futuro revitalizarase mercé ao proceso xurídico de unión de 38 entidades con sede naquela República, acto que o propio Feijóo presidiu.

Neste aspecto, e en palabras do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “cómprenos agradecer á República de Cuba esta mostra de boas relacións que supón o feito de que as comunidades galegas representen a toda a gastronomía do país. Trátase dun expoñente máis do compromiso de afondar nesas boas relacións entre os gobernos, e os pobos, de ambos lados do Atlántico”.

Galeguidade cubana
Tanto o evento gastronómico no seu conxunto, como a participación de Cuba e as comunidades galegas residentes na illa nesta décimo quinta edición, foran presentadas recentemente en Madrid, coincidindo coa celebración de FITUR, coa presenza do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Para Miranda, “a presenza de Cuba en Xantar, e moi nomeadamente do traballo que realizan as comunidades galegas no ámbito gastronómico, e tamén cultural, naquel país, son boa proba da profundidade da pegada da Galeguidade alén o Atlántico”.

1021 lecturas