David Guetta xa pode aprender gaita

Cinco galegos e unha valisoletana forman en Eivissa o grupo Ardello Eixo, que imparte clases e ofrece actuacións en vivo.

Reproducimos deseguido a reportaxe publicada sobre o grupo no Diario de Ibiza no pasado mes de decembro.

Na imaxe, a edición impresa da reportaxe asinada por Laura Ferrer Arambarri, publicada no Diario de Ibiza. Foto: Diario de Ibiza
Na imaxe, a edición impresa da reportaxe asinada por Laura Ferrer Arambarri, publicada no Diario de Ibiza. Foto: Diario de Ibiza
Listen to this page using ReadSpeaker
Eivissa, 16 de decembro de 2012.

Se ao famoso DJ francés lle dese o capricho de querer tomar clases de gaita en Eivissa o próximo verán, se cadra para incluír os seus sons no seu próximo hit, podería facelo sen problemas. Por primeira vez a illa conta cunha formación galega, Ardello Eixo, cuxos e cuxas compoñentes tamén dan clases a quen estea interesado ou interesada.

Como sucede con case todos os proxectos que callan, este naceu grazas ao empeño que lle puxo unha persoa. Trátase de Javier Vázquez, nacido en Muxía, un auténtico virtuoso da gaita. Comezou a tocar con nove añós e conta con numerosos premios en Galicia tanto como solista como dentro do cuarteto Comarea que aínda mantén na distancia. Motivos persoais trouxérono a Eivissa hai catro anos. "Traballaba no mar, pero á miña noiva mandárona a Eivissa porque é funcionaria e sacou praza aquí, co que ao final acabei instalándome e agora traballo en GESA", explica. Pronto se deu conta de que, ou seguía tocando, ou a morriña polo instrumento sería insoportable.

Coñeceu ao tamén galego Arturo Rodríguez, que lle explicou que no Centro Galego de Sant Antoni daban clases, pero moi básicas. Isto animou a Javier a propoñerse impartir gaita e percusión tradicional galega "en serio". Despois contactou con Braulio Rodríguez e a el seguíronlle Serafín Prado e máis tarde Teresa Moyano e Marta Vázquez, que son as e os seis compoñentes de Ardello Eixo. En total, cinco  galegos e unha valisoletana (Teresa).

O grupo nace a raíz da paixón de Javier Vázquez pola gaita, que quería seguir tocando en Eivissa como fose
Braulio Rodríguez é de Zas, un pobo da Costa da Morte. Leva en Eivissa dez anos e, como Javier, toca a gaita dende neno aínda que a tiña un pouco abandonada. "Vin á illa a pasar un verán e aquí quedei. Estou casado cunha ibicenca e traballo de mestre de Primaria", explica. Tiven moi aparcada a gaita ata que o día da miña voda, aquí en Eivissa, ma trouxeron por sorpresa, porque nin sequera a tiña na illa. Realmente non saíu do canapé baixo a cama ata que Javier me chamou e reengachei", explica, contento de ter retomado a música.

Pola súa banda, o santiagués Arturo Rodríguez recalou en Eivissa fai 33 anos despois de viaxar e traballar por media Europa, dende Alemaña a Inglaterra, pasando por Bélxica, onde coñeceu a súa muller. Visitaron xuntos Eivissa e a ambos os dous, que viñan de terras un pouco grises, conquistounos a súa luz. "A morriña non desaparece de todo pero a illa encántanos", confesa Rodríguez, que se ocupa da percusión no grupo.

Serafín Prado, que procede dunha aldea de Porriño, en Pontevedra, coñece Eivissa dende 1987 pero non foi ata hai 15 anos cando se asentou na illa para traballar na construción. "Aínda que Eivissa xa non é o que era ségueme gustando moito, sobre todo polo clima," confesa o gaiteiro.

A proposta de Ardello Eixo gustou en Eivissa e dende a súa formación en 2011 tocaron en festas como as de é Cubells ou Puig d'en Valls con grande éxito, ademais de organizar un Magosto -nome co que se coñece no norte á festa da castaña-, con toques galaico-ibicencos que tivo moi boa aceptación.

Braulio Rodríguez asegura que o seu obxectivo é dobre, "tanto consolidar a formación principal coma ter as portas abertas para que aprenda cada vez máis xente [retoman as clases en xaneiro, despois de festas] xa que sen canteira é imposible dar continuidade á idea". Javier Vázquez, na mesma liña, asegura que o obxectivo, unha vez creado o grupo, "é tocar cada vez mellor, ir subindo nivel ata onde se poida". "Non" se trata "de facer a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense [que ten máis de 60 membros] ". di entre risas, pero si "continuar".

En Eivissa gusta o galego
Todos e todas coinciden en que aos ibicencos e ás ibicencas lles gusta o folclore galego. "A gaita é un instrumento de festa, que chega moito á xente porque está a pé de rúa, é próximo. É de celebración e da alegría", remarca Vázquez. Lévome moi ben con Toni Marc, que fai as frautas tradicionais en Eivissa, e a ambos os dous gústanos ver as semellanzas e diferenzas entre o folclore da illa e de fóra. É certo que o ibicenco é un baile con menos influencias, que se basea nuns ritmos moi concretos, non se parece a nada que poidas ver noutro lugar", engade o músico.

Os e as que desexen contactar co grupo para tomar clases poden facelo na súa páxina de Facebook 'Adello Eixo', ou no teléfono 647 05 07 88.

 

Fonte: ardelloeixoibiza.blogspot.com.es

1233 lecturas