A Xunta traslada o agradecemento da Galicia territorial á diáspora na localidade brasileira de Santos, que conta cunha especial presenza da colectividade galega

O secretario xeral da Emigración plasma ese recoñecemento na visita á Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro, que traballa no campo da atención social a galegos e galegas de avanzada idade en situación de precariedade.

Rodríguez Miranda lembra que se trata dun esforzo orzamentario “que devolve unha parte ínfima do que as e os emigrantes galegos fixeron e fan pola súa terra”.

  • Miranda visitou a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, onde asinou un convenio de colaboración
    Miranda visitou a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, onde asinou un convenio de colaboración

  • O secretario xeral da Emigración visitou tamén o Centro Espanhol e Repatriaçâo de Santos, entidade distinguida en 1997 coa Medalla de Galicia na súa categoría de Prata
    O secretario xeral da Emigración visitou tamén o Centro Espanhol e Repatriaçâo de Santos, entidade distinguida en 1997 coa Medalla de Galicia na súa categoría de Prata

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continúa a súa visita por Arxentina, Brasil e Uruguai, na que se achega a coñecer a actualidade da diáspora nestes tres países, especialmente das persoas maiores atendidas por institucións que prestan asistencia social e sanitaria.

Na súa terceira xornada, Miranda achegouse ata Santos, localidade costeira do Estado de Sâo Paulo da República Federativa do Brasil onde teñen unha relevante presenza social as colectividades galega, e española en xeral. En primeiro lugar, achegouse a falar cos e coas residentes e xunta directiva, e percorrer as instalacións, da Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos, onde asinou un convenio de colaboración.

O convenio, dotado con doce mil euros, sufraga en parte a asistencia social e sanitaria para as e os galegos atendidos pola institución. Trátase dun esforzo orzamentario que, segundo as propias palabras de Miranda, “tan só devolve unha parte ínfima do que as e os emigrantes galegos fixeron e fan pola súa terra”, e reiterou o agradecemento do Goberno e pobo galegos a institucións como a Sociedade, “que demostran ata que punto a solidariedade cos máis necesitados está na natureza mesma da Emigración galega”.

Así, a entidade visitada por Miranda ten por principal obxectivo a asistencia médica en xeral e atención social desinteresada ás persoas maiores necesitadas de Santos e cidades circundantes. Este municipio brasileiro recoñeceu a extraordinaria labor das dúas sociedades outorgándolle o título de Utilidade Pública Municipal en 2000, ano no que celebraba o seu centenario, galardón que se ampliou en 2003 coa declaración de Utilidade Pública Federal-Portaria. Reciben achegas de diversas administracións, que dan fe do intenso labor realizado.
 
No Centro Espanhol
Tras esta visita, o secretario xeral da Emigración desprazouse, aínda na mesma localidade de Santos, ata o Centro Espanhol e Repatriaçâo, unha das institucións solidarias máis relevantes da diáspora no país carioca, e cunha importante presenza permanente na historia local.

Este Centro desenvolve un relevante labor no campo das actividades sociais, culturais e deportivas, así como asistenciais e benéficas dirixidas aos socios e socias e respectivas familias, de orixe maioritariamente galega e española. No ano 1997 o Centro foi galardoado coa Medalla de Galicia de Prata.

Fundado en 1895, posúe unha ampla sede social que inclúe salas polivalentes, deportivas (piscina, ximnasio, vestiarios e un pequeno patio para recreo infantil), salón de actos, de xogos, dependencias administrativas, biblioteca con máis de tres mil volumes, e instalacións hostaleiras.

Hoxe Sâo Paulo, mañá Uruguai
Hoxe domingo, de volta en Sâo Paulo, o secretario xeral da Emigración visita a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao, onde falará cos socios e socias, moitos deles galegas e galegos, e se reunirá coa xunta directiva, rematando así a súa axenda na República Federativa do Brasil, onde residen 46.217 cidadás e cidadáns galegos a 1 de xaneiro de 2015, sempre segundo datos do INE.

Na xornada de mañá luns, Rodríguez Miranda acompaña á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, na visita oficial que esta realiza á República Oriental do Uruguai. Ademais, desprazarase ata a Casa de Galicia de Montevideo, e mais á Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, entidades coas que asinará cadanseu convenio de colaboración.

1281 lecturas