Miranda recibe na Cidade da Cultura a 47 mozas e mozos descendentes de españois e españolas residentes en Chile de visita en Galicia

A viaxe, organizada e sufragada pola principal entidade española no país andino, fornece os lazos na segunda xeración de españois e españolas alén o Atlántico.

O secretario xeral animounos e animounas a percorrer enteiro o Camiño de Santiago, “como teñen feito ao longo da Historia millóns de peregrinos”.

  • Imaxe do acto celebrado no Gaiás compostelán.
    Imaxe do acto celebrado no Gaiás compostelán.
  • Na imaxe, Rodríguez Miranda con algúns dos mozos e mozas que visitan a Comunidade Autónoma Galega estes días.
    Na imaxe, Rodríguez Miranda con algúns dos mozos e mozas que visitan a Comunidade Autónoma Galega estes días.
  • Na imaxe, foto de familia da recepción do secretario xeral da Emigración aos 47 mozos e mozas residentes en Chile, celebrado esta mañá na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).
    Na imaxe, foto de familia da recepción do secretario xeral da Emigración aos 47 mozos e mozas residentes en Chile, celebrado esta mañá na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).
  • Miranda animou a estes mozos e mozas - con idades comprendidas entre os 16 e os 20 anos- a percorrer o Camiño de Santiago.
    Miranda animou a estes mozos e mozas - con idades comprendidas entre os 16 e os 20 anos- a percorrer o Camiño de Santiago.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá na Cidade da Cultura a un grupo de corenta e sete mozas e mozos descendentes de españois e españolas -boa parte deles galegas e galegos- de entre 16 e 20 anos, que veñen acompañados de catro monitores, e que percorren estes días Galicia e España.

O grupo conforma a edición deste ano dunha iniciativa posta en marcha polo Estadio Español, dentro do que se encadra o Lar Galego, unha das principais entidades da diáspora galega e española en América Latina, e a máis importante do antedito país andino, e que organiza e se encarga do financiamento da viaxe.

O grupo de rapazas e rapaces son fillas e fillos de persoas españolas que no seu momento decidiron buscar novos horizontes profesionais e persoais en terras chilenas. A visita á terra das e dos seus proxenitores é unha das maneiras coas que o Estadio Español ensina á presente xeración as linguas, culturas, tradicións, e modos de vida, da terra natal das súas e dos seus devanceiros.

Estas viaxes de coñecemento das raíces fornecen as relacións entre un lado e outro do Atlántico, e fan perdurar a semente de Galeguidade que, décadas atrás, prendeu en solo andino, da cal son hoxe froito estes rapazas e rapaces, aspecto que salientou o secretario xeral na recepción ao grupo: “Pídovos que esta ligazón coa terra dos vosos pais e avós sirva agora de acicate para que espalledes esta Galicia actual e contemporánea, que estades a coñecer, entre os vosos veciños e amigos; que vos convertades así, o mesmo ca fixeron os vosos pais, en embaixadores desta Galicia que hoxe se gaba de recibirvos”, dixo Miranda.

O responsable de Emigración da Xunta invitou ao grupo a coñecer en profundidade Galicia e o seu estandarte máis internacional, o Camiño de Santiago: “Convídovos a realizalo enteiro, como teñen feito millóns de peregrinos ao logo da Historia, e como aínda arestora fan centenares de miles de persoas tódolos anos”.

1189 lecturas