Miranda lembra en Sâo Paulo a aposta social dos orzamentos da Xunta para paliar as situacións de maior vulnerabilidade, tamén na Galicia exterior

O secretario xeral visitou na metrópole a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçâo.

“Agora que o peor da crise parece ter pasado, convén salientar o esforzo que tódalas galegas e tódolos galegos temos realizado en favor dos que menos tiñan”, esforzo que a Xunta manterá no futuro, tamén para as persoas residentes no Exterior.

Na imaxe, o secretario xeral da Emigración con socios e socias da entidade galega na capital paulista
Na imaxe, o secretario xeral da Emigración con socios e socias da entidade galega na capital paulista
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, saudou aos socios e socias, e reuniuse coa directiva, da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçâo de Sâo Paulo, pechando así a parte brasileira da viaxe que realizou estes días por Arxentina, Brasil e Uruguai, con marcada énfase na parte social e asistencial.

Miranda lembrou algunhas das liñas de apoio ás persoas maiores galegas residentes no Exterior, en situación de necesidade ou precariedade, e afirmou que “agora que o peor da crise parece ter pasado, convén salientar o esforzo que tódalas galegas e tódolos galegos temos realizado en favor dos que menos teñen”. Un esforzo que, en todo caso, “é unha devolución, nunha ínfima parte, de todo o que a diáspora galega ten feito pola Galicia territorial ao longo da nosa historia”, salientou.

O secretario xeral tamén subliñou o compromiso do Goberno galego por manter esas liñas de axuda no futuro, “pois a mesma aposta social que se desenvolve na Galicia territorial e que recollen os orzamentos da Xunta para paliar as situacións de maior vulnerabilidade, reflíctese, como non día ser doutra maneira, na Galicia do Exterior”.

A ‘Hispano Brasileira’
A Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao foi creada en 1918, e atesoura un amplo currículo de mantemento e espallamento da cultura e modo de vida galegos na megalópole brasileira entre as colectividades galega e española, e tamén entre a nativa brasileira. Proba dese esforzo é que a directora do seu grupo artístico "Lembranzas e Agarimos" foi galardoada coa Medalla Castelao no ano 2004 en recoñecemento ao seu labor de mantemento e difusión da música e as danzas galegas entre as e os membros máis novos da diáspora galega residente en Brasil.

A entidade ten local social en propiedade con sala de usos múltiples, salón de actos, salón de xogos, biblioteca, instalacións hostaleiras, dúas salas para ensaios, dúas aulas e unha sala de visionado con capacidade para 60 persoas, e no terreo deportivo contan con dúas piscinas, canchas de baloncesto, fútbol sala, tenis e bolos, así como un ximnasio.

En Uruguai
Despois do seu paso por Brasil, Rodríguez Miranda acompañou á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, na visita oficial que esta realiza á República Oriental do Uruguai, país no que arestora viven 40.505 galegas e galegos.

A axenda comezou coa visita ás instalacións, e reunión con socios e socias e directiva, da Casa de Galicia, un dos centros referentes da Galeguidade en Uruguai. Alí, en presenza da presidenta Pilar Rojo e tamén do embaixador no país, Roberto Varela, Rodríguez Miranda asinou un convenio de colaboración coa entidade. Unha visita coa mesma filosofía, e outro acordo de parecido contido, tomaron forma tamén na Asociación Española Primera de Socorros Mutuos, igualmente na capital. Ambos convenios teñen por finalidade facilitar asistencia sanitaria e farmacolóxica a cidadás e cidadáns galegos en situación de precariedade.

As tres autoridades acudiron ademais, e dentro da axenda da visita oficial de Pilar Rojo á república charrúa, á inauguración da mostra ’53 páxinas das nosas letras’ no Teatro Solís de Montevideo, auspiciada polo propio Parlamento autonómico, acto oficial de apertura no que estivo acompañada por Miranda e Varela.

Xa para rematar, o embaixador de España en Uruguai presidiu a recepción con motivo da visita oficial da presidenta do Parlamento autonómico ao país, recepción á que asistiu tamén o secretario xeral da Emigración. No acto, asemade, estiveron presentes as e os representantes das institucións e entidades galegas con sede no Uruguai.

1330 lecturas