Chegan as e os participantes nos Campos de Traballo do programa ‘Conecta con Galicia’, que fai posible que descendentes de persoas galegas convivan con mozas e mozos residentes na comunidade

Ademais de facilitar o coñecemento da Galicia real entre a mocidade do Exterior xerando un efecto promocional nos seus países de orixe, esta modalidade axuda á recuperación e posta en valor da cultura e arqueoloxía galegas.

Imaxe da chegada de parte do grupo de participantes deste ano ao aeroporto de Lavacolla, onde foron recibidos e recibidas polo subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos, e mailo xefe de servizo de Programas Socio-Asistenciais, Antonio Casas (na foto, con chaqueta azul e camisa a cadros)
Imaxe da chegada de parte do grupo de participantes deste ano ao aeroporto de Lavacolla, onde foron recibidos e recibidas polo subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos, e mailo xefe de servizo de Programas Socio-Asistenciais, Antonio Casas (na foto, con chaqueta azul e camisa a cadros)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2015.

As e os participantes da edición deste ano da modalidade de ‘Campos de Traballo’ do programa ‘Conecta con Galicia’ -dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas galegas e que residan no Exterior- aterraron esta mañá no aeroporto de Santiago.

Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pola que se pretende que a mocidade residente na diáspora –e xa normalmente nada nos países nos que residen- teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse coas súas familias da outra beira do Atlántico, no marco da Campaña de Verán da Consellería de Traballo e Benestar.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra das e dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón ademais a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, ‘Conecta con Galicia’, permite nas súas dúas modalidades que 174 descendentes de cidadáns galegos e galegas poidan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana coas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Ademais de achegarse a coñecer in situ e en persoa a realidade da Galicia actual, as e os rapaces difunden e espallan esa imaxe entre os seus compañeiros e compañeiras, de maneira que actúan como altofalantes e axentes promocionais privilexiados entre a mocidade natural dos países nos que residen.

Os campos de traballo
A modalidade do programa á que pertencen as e os rapaces que chegaban hoxe a Compostela é a de ‘Campos de traballo’, da que se benefician concretamente 20 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven con compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. Na edición deste ano 2015, proceden da Arxentina (8), Uruguai (6), Venezuela (2), Brasil (2), Cuba (2).

É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos, na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Concretamente, os labores de traballo de campo para esa recuperación realízanos na posta en valor do castro de Portomarín, en Lugo. Mais polas tardes desenvolven un amplo abano de actividades visitando lugares emblemáticos de toda Galicia, como as termas da Chavasqueira en Ourense, o casco vello de Santiago, a vila tradicional de Combarro en Pontevedra, a muralla romana de Lugo, ou as paisaxes únicas da Ribeira Sacra, entre outras.

Asemade, realizan actividades complementarias para facilitar a interrelación entre eles e elas e para coa contorna, tales como bogadas e outras actividades náuticas e deportivas en xeral, actividades de animación, charlas formativas, visitas a lugares e museos de interese antropolóxico, ou mesmo preparación compartida de menús gastronómicos orixinais dos países nos que residen.

Cómpre salientar ademais que precisamente as e os rapaces procedentes da diáspora levan a cabo visitas teatralizadas ao castro, mediante as cales fomentan o coñecemento deste importante vestixio arqueolóxico entre os milleiros de peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño Francés e que fan parada en Portomarín.

Importante éxito
A outra modalidade de ‘Conecta con Galicia’, que conta co maior número de participantes, desenvólvese durante o mes de xullo. Trátase de actividades de aire libre para galegas e galegos do Exterior en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos, que comparten con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes alóxanse en residencias xuvenís onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorren o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, titulado “O mar de Galicia”, lévase a cabo no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizan actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Tanto nesta modalidade máis numerosa en canto a participantes, como na de Campos de Traballo, cada ano acádase un importante número de solicitudes, o que dá mostra da relevancia e importancia que os rapaces e rapazas da diáspora, e as e os seus proxenitores, outorgan a manter e fortalecer a relación coa Galicia territorial.

Campaña de Verán
No seu conxunto, a Campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar ten ofertado este ano un total de 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. As actividades, que se prolongan ao longo do verán, favorecen a contratación de máis de 900 persoal monitor e director de campamentos, que son na súa maioría xente nova.

A Xunta inviste 2,4 millóns de euros en desenvolver esta campaña, que inclúe: campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos.

1582 lecturas