Saúdo do Secretario Xeral
Benvidos á web da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.
Esta fiestra, que se abre dende a nosa querida terra galega para o mundo, quere ser o espazo común de todos e todas, para comunicarnos e achegarnos máis.
Internet permítenos acurtar tempo e distancias, axiliza as nosas xestións e proporciónanos máis e mellor información. Pero de nada nos serviría senón tivésemos instrumentos e contidos actualizados, que susciten o máximo interese da cidadanía. Ese é, precisamente, o obxectivo que nos fixamos con esta web: ofrecer unha ferramenta útil ás nosas persoas emigradas, ás súas familias e en xeral a todos e todas cantos queiran informarse sobre o labor que o Goberno de Galicia realiza en materia de emigración.
Somos unha terra que quere aos seus e ás súas emigrantes. Todos os galegos e galegas temos coñecido ou vivido en primeira persoa o significado da emigración. E a Galicia moderna e competitiva que hoxe se abre ao mundo quere compartir coas súas comunidades na diáspora a súa cultura, tecnoloxía, tradicións, hospitalidade e experiencia milenaria dun pobo que dende a Fisterra de Europa se brinda orgulloso ao mundo.
A emigración galega e a súa descendencia conforman a maior cidade galega no exterior. O Goberno de Galicia é consciente diso e por iso pon en marcha proxectos que achegan valor e benestar á súa cidadanía na diáspora.
A promoción económica, social e cultural, as axudas ás persoas máis necesitadas, a formación, as políticas de emprego, a colaboración co retorno, a potenciación das comunidades e centros galegos, os proxectos de colaboración… todo canto a Galicia do século XXI poida ofrecer estará ao servizo dos nosos e as nosas emigrantes e as súas familias.
Esta Galicia da mocidade e dos maiores, de estudantes e empresariado, de obreiros e obreiras, de investigadores e profesionais, de mulleres e homes que, como calquera persoa, buscan o benestar e a felicidade dos seus, ponse agora nas súas mans, queridos e queridas internautas, a través desta web, que desexamos contribúa a seguir mantendo a nosa unidade.
É un desexo que converto en responsabilidade, para tender a través de esta fiestra a man da miña colaboración e o apoio do Goberno de Galicia a todas as nosas comunidades no exterior.
Santiago Camba Bouzas
Secretario Xeral da Emigración
Xunta de Galicia