Glosario comezando con E

Faga clic nunha das letras de arriba para ir á páxina de todos os termos que comezan con esa letra.
Edicto

Escrito que se fixa nos lugares públicos das cidades e poboacións, no cal se dá noticia dalgo para que sexa notorio a todos.

Emigrante

Persoa que se traslada do seu propio país a outro, xeralmente co fin de traballar nel de maneira estable ou temporal.

Enderezo

Residencia fixa e permanente.

Enquisa

Conxunto de preguntas tipificadas dirixidas a unha mostra representativa, para descubrir estados de opinión ou diversas cuestións de feito.

Entidade local

Chanzo territorial inferior, por debaixo do Estado e das comunidades autónomas, en que se organiza territorialmente España. Son entes de natureza corporativa, con estrutura de goberno democrático-representativa, cunha pluralidade indeterminada de fins institucionais, aos que a Constitución atribúe autonomía de xestión plena. As formas máis importantes de entidade local son o municipio e a provincia, aínda que existen outros tipos, como as comarcas, áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e outras entidades para a administración descentralizada de núcleos de poboacións separados.

Escala de gravame

Conxunto de tipos impositivos que se aplican gradualmente aos diferentes niveis de renda.

Estatuto dos traballadores

Norma legal básica reguladora das relacións laborais, dereitos e deberes dos traballadores, contratos de traballo, dereito de reunión, representación colectiva e negociación colectiva.

Estimación directa

Réxime xeral de determinación da base impoñible das actividades empresariais ou profesionais que consiste en obter a renda real e certa obtida polo suxeito pasivo por diferenza entre os ingresos e os gastos computables e xustificados.

Estimación obxectiva

Réxime alternativo ao de estimación directa para a determinación de rendementos empresariais ou profesionais a través de signos, índices ou módulos. É un réxime voluntario en canto que o suxeito pasivo pode renunciar á súa aplicación e é de aplicación conxunta e coordinada cos réximes especiais do IVE ou imposto xeral indirecto canario.

Estrutura orgánica

Disposición sistemática dos órganos que integran unha institución, conforme a criterios de xerarquía e especialización, ordenados e codificados de tal xeito que sexa posible visualizar os niveis xeráquicos e as súas relacións de dependencia.

Excedencia

Condición de excedente, referida ao funcionario público que non exerce o seu cargo, ou ao traballador que non ocupa o seu posto de traballo durante un tempo determinado.

Exención

Avantaxe fiscal da que por lei se beneficia un contribuínte e en virtude da cal é exonerado do pagamento total ou parcial dun tributo.

Expediente

Conxunto de documentos correspondente a un asunto ou negocio.