A Xunta súmase un ano máis ao recoñecemento ao labor das e dos cooperantes galegos

Celebrouse a sexta edición do Día das Persoas Cooperantes.

Segundo datos do Rexistro de Cooperantes Galegos no Exterior son máis de 100 as e os galegos cooperantes no exterior.

Listen to this page using ReadSpeaker

Xunta de GaliciaA Xunta súmase un ano máis ao recoñecemento público do labor que desenvolven as persoas cooperantes, felicitándoas pola profesionalidade que imprimen cada día ao seu traballo, o que permite avanzar cara a consecución dunha cooperación de calidade.

Desde a Xunta de Galicia quérese recoñecer o labor diario deste colectivo, que desenvolve en moitas ocasións un traballo silencioso e pouco visible, pero imprescindible para levar a cabo intervencións sustentables e de calidade nos proxectos de desenvolvemento e nas crises humanitarias que se viven na actualidade, como é o caso da guerra de Siria ou a crise alimentaria do Sáhel africano.

Dado o agravamento nos últimos anos da situación das persoas cooperantes que traballan en zonas especialmente conflitivas, un dos principais retos da Administración é garantir que estes e estas profesionais realicen as súas actividades nas mellores condicións posibles e que se respecten os seus dereitos, tendo en conta a especialidade dos lugares onde desenvolven o seu traballo. Coa aprobación no ano 2006 do Estatuto do Cooperante estableceuse un marco normativo que dignifica o traballo deste colectivo.

No ano 2006, coincidindo coa aprobación polo Consello de Ministros do Estatuto do Cooperante, estableceuse en España o 8 de setembro como día especialmente dedicado ao colectivo de traballadores e traballadoras que desenvolven o seu labor profesional no exterior, en colaboración coa poboación dos países beneficiarios da política de axuda para o desenvolvemento. Trátase dunha data que coincide coa sinatura, no ano 2000, da Declaración do Milenio, nun compromiso histórico de traballo conxunto para erradicar a pobreza extrema no mundo.

As cifras en Galicia
Segundo datos do Rexistro de Cooperantes Galegos no Exterior realizado no ano 2010, son máis de 100 os galegos e galegas cooperantes no exterior. A meirande parte destes e destas profesionais desenvolven o seu labor en América Latina, tradicional destino da axuda galega, aínda que se observa tamén unha presenza importante en África e Asia.

Cómpre destacar tamén que, segundo datos do mesmo rexistro, máis do 50% destas persoas cooperantes traballa ao servizo das ONGD, principais axentes da cooperación para o desenvolvemento. Ao igual que acontece en todo o sector, o perfil das persoas cooperantes é maioritariamente feminino, representando as mulleres máis do 60% do total do colectivo cooperante galego no exterior.

O mundo da cooperación para o desenvolvemento
O importante labor que están a desenvolver as persoas cooperantes non tería sido posible de non ser pola importante estrutura na que se sustenta o sector da cooperación para o desenvolvemento, formada polo persoal que traballa desde España, polos socios locais que executan os proxectos en terreo e, sobre todo, polo persoal voluntario de cooperación para o desenvolvemento, que tanto aquí como nos países destinatarios da axuda contribúen a construír e difundir o discurso da solidariedade internacional.

748 lecturas