A Xunta renova a súa aposta pola Rede Pexga como instrumento de internacionalización empresarial tras constatar a súa utilidade para levar a cifras récord as exportacións galegas

O presidente galego subliña a renovación do convenio de internacionalización coa Confederación de Empresarios de Galicia para este ano reorientando os destinos, apostando polo Igape como xanela única, afondando na eficiencia das oficinas e incrementando os seus servizos.

Destaca que as vendas de produtos e servizos galegos no exterior medraron desde 2009 un 32%, cun incremento do 11,7% só en 2013 e pasando dun peso no PIB en 2008 do 27% ata o 33% actual.

Salienta que a Rede PEXGA superou todos os seus obxectivos: duplicou a meta de 700 novas empresas exportadoras e chegou ás 1.521; e superou en máis de 1.000 millóns de euros o incremento do volume das exportacións previsto, cun aumento de 4.462 millóns.

Indica que o 70% das novas empresas exportadoras tiveron como destino un país onde opera unha plataforma PEXGA.

Apunta que as oficinas prestaron 14.000 servizos a 1.828 empresas galegas, que amosan un grao de satisfacción elevado.

Remarca que as medidas de eficiencia permitiron aforros do 60% no orzamento máximo autorizado da Rede PEXGA, que só executou 7,2% dos 18 millóns dispoñibles.

Avanza que o convenio deste ano ten un importe de 2 millóns de euros, o que supón un 33% menos por oficina, grazas a criterios de contención de gasto e de aproveitamento de sinerxías, e prevé pasar de 13 a 8 centros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na rolda de prensa do Consello. Foto: Ana Varela
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na rolda de prensa do Consello. Foto: Ana Varela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, dentro da aposta do Goberno galego pola internacionalización, a renovación –coa sinatura dun novo convenio coa Confederacións de Empresarios de Galicia- do compromiso coa Rede de Plataformas no Exterior (PEXGA), que ten xogado neste eido un papel fundamental e que se ten amosado como un instrumento de grande utilidade por tres motivos: polo seu funcionamento, cun aforro do 60% respecto ao previsto inicialmente; polo seu nivel de actividade, con preto de 14.000 accións e case 2.000 emprendedores e emprendedoras que confiaron nela; e polos seus resultados, superando todos os obxectivos previstos en materia de exportacións.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo insistiu que o Executivo galego seguirá “afondando nunha das liñas prioritarias que temos no eido económico, como é a internacionalización, porque os datos teñen demostrado que é útil para a economía galega e útil para os emprendedores”. E, neste sentido, lembrou que desde o ano 2009 conseguíronse avances moi importantes neste eido que teñen permitido, por exemplo, incrementar un 29% o número de empresas exportadoras ata chegar case ás 6.400, así como acadar un récord histórico de exportacións, que sumaron 18.419 millóns de euros o pasado ano. Isto representa un 32% máis que en 2009, sendo Galicia a cuarta comunidade máis exportadora de toda España en 2013, ano en que as exportacións galegas medraron un 11,7%.

Na mesma liña, o titular do Executivo autonómico subliñou que a REDE PEXGA contribuíu a mellorar a porcentaxe das exportación sobre o PIB, pasándose dun 27,% en 2008 ao 33% actual; ou rexistrar a mellor taxa de cobertura desde que hai rexistros, chegando ao 128% actual, máis de 30 puntos por riba da media nacional.

“Estamos, polo tanto, ante unha cifra récord de exportacións e por iso pensamos que hai que seguir adiante coas plataformas, iso si, axustando, recondicionando e replantexando, como vimos de facer”, manifestou.

Alberto Núñez Feijóo destacou que desde que funcionan as plataformas da Rede PEXGA superáronse todos os obxectivos previstos. “Cando puxemos esta rede en marcha, tiñamos previsto sumar 700 novas empresas exportadoras ata 2013 e temos duplicado ese obxectivo ao sumarse 1.521 empresas ata acadar case 6.400 empresas galegas exportadoras”, precisou, ao que engadiu que o 70% das novas empresas galegas exportadoras tiveron como destino un país onde está situada unha plataforma PEXGA (EEUU, Colombia, Brasil, China, México, Alemaña, Francia e Reino Unido).

Así mesmo, segundo informou, tamén se superou o obxectivo previsto de crecemento das exportacións (3.400 millóns de euros sobre as cifras de 2009), acadándose un incremento de 4.462 millóns, é dicir, máis de 1.000 millóns de euros máis do esperado. Cómpre salientar, ademais, que o incremento das exportacións a países con oficina da rede PEXGA foi de 1.461 millóns de euros no período, o que un incremento do 20%.

No tocante ao seu nivel de activade desde a súa posta en funcionamento conxuntamente coa Confederación de Empresarios de Galicia, Feijóo destacou as preto de 14.000 accións ou servizos entre 2010 e 2013, especialmente nos mercados de América Latina, xa que as catro Plataformas latinoamericanas (Brasil, Colombia, Arxentina e México) concentran máis da metade das accións realizadas (54,4%).

O número de clientes, é dicir, de operadores económicos galegos receptores de servizos por partes da Rede PEXGA, ascendeu a 1.828, que amosan un grao de satisfacción elevado, pois o 95% das empresas que usan a Rede estarían dispostas a repetir a súa experiencia, o 92% delas recomendan a utilización destas plataformas e o 87% das empresas consideran a existencia da rede como un incentivo real á internacionalización dos seus produtos.

Éxito nas licitacións internacionais
Así mesmo, destacou que tamén resultou útil o servizo de licitacións internacionais incluído no convenio xa que, desde a súa creación, as empresas galegas conseguiron contratos por máis de 206 millóns de euros a través de 86 licitacións internacionais gañadas en 27 países.

Sobre o seu funcionamento, Feijóo salientou que medidas como, por exemplo, situar oficinas da Rede nas mesmas instalacións que as oficinas comerciais españolas, permitiron un aforro do 60% sobre o límite máximo de orzamento que figuraba no convenio. Así, detallou que de 18 millóns autorizados de gasto para esa Rede, ao final só se executaron 7,2 millóns de euros de gasto.

Os bos resultados alcanzados, o incremento do número de empresas que se internacionalizaron e a vantaxe que supón para as empresas galegas contar coas plataformas no exterior fan, segundo asegurou Feijóo, que a Xunta renove a aposta por este modelo de cooperación e dea continuidade ás Plataformas no exterior e ao servizo de licitacións internacionais, mediante a sinatura deste novo convenio coa CEG, cunha duración dun ano.

“Os obxectivos son seguir fomentando unha maior e mellor cultura da internacionalización; seguir incrementando cualitativa e cuantitativamente as exportacións e, dar continuidade a un modelo baseado na cooperación que se ten demostrado axeitado”, incidiu o presidente autonómico.

Xanela única, máis servizos e maior eficiencia
O titular da Xunta salientou que a experiencia acumulada permite identificar aspectos positivos para potenciar e outros negativos para corrixir. Así, avanzou a creación dunha xanela única para a internacionalización do Igape; o incremento do valor engadido dos servizos que prestan as plataformas; unha xestión aínda máis racional e eficiente dos recursos; e a priorización en mercados.

En relación á xanela única, Feijóo explicou que o obxectivo é que toda acción de internacionalización se centralice nunha xanela única e global no Igape, que permitirá comezar o apoio ás empresas galegas non só no destino, senón na orixe. Así, o Igape recibirá e estudará individualmente o proxecto da empresa que desexe internacionalizarse, analizará e diagnosticará cada caso para coñecer as súas verdadeiras capacidades e o seu potencial e ofrecerá, no caso que corresponda, reforzos específicos en determinadas áreas para mellorar a competitividade da empresa.

En relación co inremento do valor engadido, o mandatario autonómico sinalou que unha vez que se obteña o diagnóstico de potencial exportador positivo, prestaranse, ao abeiro do convenio, servizos de carácter gratuíto para as empresas como: apoios informativos con relación ás oportunidades de negocio que brindan as empresas locais; informes sectoriais e notas técnicas de interese actualizadas para operar no país de destino; establecemento de contactos permanentes cos axentes económicos e institucionais claves no país de destino; ou apoio para tratar de lograr acordos de colaboración con organización empresariais dos países nos que estean situados os obxectivos de exportación.

Ademais, as empresas poderán acceder a outros servizos avanzados prestados por persoal profesional seleccionado e tutelado polo Igape e as oficinas PEXGA para garantir a calidade e a profesionalidade.

No eido da xestión, e co obxectivo de consolidar a eficiencia coa que veñen funcionando as oficinas PEXGA nos últimos anos, Feijóo salientou que o orzamento máximo do convenio para este ano 2014 é de 2 millóns de euros; un 33% menos por oficina, grazas a aplicación de criterios de contención de gasto e ao aproveitamento de sinerxías con outros organismos e con outros programas e accións que implican maior dedicación de persoal propio, tanto do Igape como da CEG, ao proxecto.

Nesta nova etapa e respondendo ás necesidades do tecido empresarial, levarase a cabo tamén unha reorientación de destinos tendo en conta tres factores fundamentais: en primeiro lugar,a existencia de plataformas en países que podemos considerar maduros para as exportacións galegas, “onde as barreiras de entrada son menores”; en segundo lugar, a conveniencia de diversificación da distribución xeográfica das exportacións galegas, buscando reducir a dependencia da UE; e, en terceiro lugar, a existencia de novos mercados que combinan un potencial interesante para as empresas galegas e unhas barreiras de entrada en distintos niveis que aconsellan a implantación de novas plataformas.

Diante destes factores, decidiuse reducir o número de oficinas de 13 a 8: dáselle continuidade ás oficinas abertas en Estados Unidos (Miami), México, Colombia, Brasil, Reino Unido, Marrocos, Rusia e China; estúdase abrir dúas novas oficinas en destinos estratéxicos que están sendo analizados como Perú e Dubai; e dáselle continuidade ao Servizo de licitacións internacionais para seguir facilitando o acceso das empresas galegas aos contratos internacionais.

Rede de asociacións de empresariado galego no exterior
Neste contexto de cooperación co tecido empresarial galego, Feijóo anunciou tamén a renovación do convenio de colaboración coas asociacións de empresarias e empresarios galegos no exterior, por case 1 millón de euros, distribuído en dúas anualidades.

O obxectivo é ter o apoio das asociacións de empresarias e empresarios galegos, que suman arredor dun milleiro de persoas empresarias que están en disposición de ofrecer: contacto coas institucións do país, información sobre as normas e trámites específicos, relación-alianza con empresas complementarias e oportunidades de cooperación, precisou o presidente do Goberno galego.

827 lecturas