Vázquez Abad participa na inauguración da exposición ‘Mi casa Su casa – a la mesa con emigrantes españoles de Holanda’, na biblioteca Ánxel Casal de Santiago

O conselleiro de Cultura e Educación agradeceu a todos os pobos que acolleron aos galegos e galegas “que buscaran vías de colaboración nas que nos permitiron participar e nos abriron portas á igualdade cos seus propios cidadáns”.

A mostra conta a historia da comunidade española emigrada en Holanda e poderá visitarse ata o 31 de agosto.

Portada do libro ‘Mi casa su casa’ do xornalista holandés Steven Adolf , no que se basa a mostra
Portada do libro ‘Mi casa su casa’ do xornalista holandés Steven Adolf , no que se basa a mostra
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2014.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, xunto co embaixador holandés Cornelis Van Rij, participou, esta mañá, na inauguración da mostra Mi casa Su casa – a la mesa con emigrantes españoles en Holanda que se exporá na biblioteca pública Anxel Casal de Santiago.

Segundo Vázquez Abad, “esta mostra reflicte a vida de moitos españois que emigraron buscando un progreso persoal en Holanda, que se traduciu nunha avance da nación e da nosa comunidade, grazas á apertura e o intercambio que se deu cunha sociedade europea moi avanzada”.

O titular de Cultura e Educación afirmou que “a esta sociedade tan avanzada é a que as nosas traballadoras e traballadores levaron non só a súa capacidade laboral, senón a nosa forma de ser e o poso dunha cultura de raíces moi antigas, formadas polas apartacións dunha Europa que nos recoñece como meta dos seus valores máis elevados”.

Por último, o conselleiro quixo agradecer a todos os pobos que acolleron aos galegos e galegas, “que buscaran vías de colaboración nas que nos permitiron participar e nos abriron portas á igualdade cos seus propios cidadáns”. Neste acto tamén estiveron presentes o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda; o director xeral de Relacións exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; e a vicepresidenta de la Federación de Asociacións de Emigrantes Españois en Holanda, Lucía Lameiro.

‘Mi casa Su casa’
Esta exposición conta a historia da comunidade española emigrada a Holanda ao longo dos últimos cincuenta anos. O título da mostra interprétase literalmente xa que as e os visitantes poderán sentarse á mesa para ollar os albumes de fotos de emigrantes españois e españolas, observar os obxectos típicos cos que decoraban as súas casas e ler sobre as súas historias persoais ou sobre a historia do traballo. A mostra dedica tamén un espacio ás e aos retornados, xa que no ano 1995 o 85% das traballadoras e traballadores españois que emigraran a Holanda xa volveran ao pais natal.

Mi casa Su casa – A la mesa con emigrantes españoles de Holanda é unha iniciativa, para conmemorar a firma, en 1961, do convenio de colaboración entre ambos países para a contratación de traballadores e traballadoras, da Federación de Asociacións de Emigrantes Españois en Holanda (FAEEH) e o Centro holandés para a Historia dos Migrantes, ademais conta coa colaboración da Embaixada dos Países Baixos en Madrid.

Anteriormente a mostra fixo un recorrido por Holanda e logo do seu paso por Madrid chega a Santiago de Compostela para instalarse na Biblioteca Ánxel Casal onde estará dispoñible ate o vindeiro 31 de agosto.

O libro
A mostra basease no libro Mi casa su casa do xornalista holandés Steven Adolf que retrata os cincuenta anos de emigración, a través de 200 páxinas con fotografías en cor e en branco e negro, do contexto internacional da segunda metade do século XX e comezos do XXI e da situación económica en España e nos Países Baixos.

A historia comeza a contarse a partir da firma do acordo entre España e os Países Baixos no 1961. Para isto o autor intérnase na historia persoal das e dos emigrantes que viven e traballan en Holanda e que son considerados parte indisociable da súa sociedade. O libro parte dunha iniciativa da Federación de Asociacións de Emigrantes Españois en Holanda e é froito do traballo de Steven Adolf, dos fotógrafos Anaís López e Hanneke Verbeek, dos redactores Wim Willems e Leo Lucassesn e da estilista gráfica Suzan Beijer.

743 lecturas