Rueda apela ao espírito de convivencia que forneceu a relación de irmandade entre Galicia e Uruguai

O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiron á celebración do Día da Hispanidade en Uruguai.

Imaxe da primeira xornada da visita oficial a Montevideo e Bos Aires do vicepresidente e o secretario xeral da Emigración
Imaxe da primeira xornada da visita oficial a Montevideo e Bos Aires do vicepresidente e o secretario xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 9 de outubro de 2015.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participaron onte na celebración do Día da Hispanidade en Uruguai, que se celebrou na Embaixada española en Montevideo, xunto ao director xeral de Migraciones, Aurelio Miras Portugal.

Na súa intervención, Rueda apelou ao “espírito de convivencia” que forneceu a relación de irmandade entre Galicia e Uruguai e que ten feito que este país conte a día de hoxe co maior número de galegos e galegas sobre o conxunto da poboación local. De feito, o propio presidente é descendente de galegos e o embaixador de España no país naceu en Meaño, Pontevedra.

A elevada presenza de galegas e galegos e españois no país é unha clara mostra da receptividade histórica de Uruguai coas e cos inmigrantes, pero tamén da vontade destes por integrarse e corresponderlle coa mesma afectividade. Ademais, reflíctese no traballo diario das comunidades galegas e do resto de España que teñen sede na capital uruguaia.

Nese sentido, o vicepresidente agradeceu o traballo que realizan entidades como o Fogar Español ou a Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos e a Casa de Galicia, cuxa colaboración materializouse onte mesmo coa sinatura dun acordo para mellorar a atención sociosanitaria dos galegos e galegas residentes en Uruguai.

Para Rueda o Día da Hispanidade é “unha xornada para enxalzar a importancia histórica dos lazos que unen a España e América , a Galicia e Uruguai”. “Celebramos o que fai grande a España como nación: a súa diversidade, a súa pluralidade; o sabernos un país unido aínda que non uniforme”, dixo, ao tempo que afirmou que os galegos e as galegas compartimos a dobre identidade “de sentirnos galegos e españois, pero tamén europeos”.

O vicepresidente rematou a súa intervención manifestando que “España e Galicia teñen en común que non impuxeron fronteiras a súa nacionalidade , senón que tenderon pontes de convivencia que hoxe nos traen ata aquí”.

1174 lecturas