Roi Casal e a súa banda comezan a xira americana

O arpista visitará as cidades de Montevideo, Bos Aires e A Habana.

O ex-compoñente do grupo Milladoiro (2000-2009) vén de tocar en Zürich e esta xira levarao polo Uruguai, Arxentina, Cuba e, tralo verán, os Estados Unidos
O ex-compoñente do grupo Milladoiro (2000-2009) vén de tocar en Zürich e esta xira levarao polo Uruguai, Arxentina, Cuba e, tralo verán, os Estados Unidos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2014.

O músico galego Roi Casal e a súa banda comezarán na vindeira semana a primeira parte da súa xira internacional, que os levará a varios países americanos. Durante os concertos, o arpista porá en escena os mellores temas da súa discografía, amosando unha forma única e intransferible de facer música coa que se ten consolidado como unha das principais referencias do panorama musical actual da música feita dende Galicia.

A xira internacional, que se desenvolverá baixo o título “Pura esencia de Galicia”, está recoñecida como unha das de máis proxección dos últimos anos para un artista galego, e desenvolverase en varias fases. Unha primeira en Uruguai, Arxentina e Cuba, para continuar logo do verán nos EE.UU., ao que hai que sumar a recente actuación en Zürich (Suiza).

En palabras do artista “en Galicia recibimos nos últimos 1000 anos, a través do camiño de Santiago, a influencia de culturas de distintos pobos que deixaron unha profunda impronta na nosa música. De feito, instrumentos como a arpa ou a zanfona, que toco en cada un dos meus concertos, chegaron por esta vía e aínda se poden ver hoxe esculpidos en pedra nos centos de igrexas que hai ao longo do camiño ata chegar á Catedral de Santiago, onde o Mestre Mateo os deixou plasmados para a posteridade no magnífico Pórtico da Gloria. Agora, toca percorrer ese camiño en sentido inverso 1000 anos despois, para mostrar ao mundo como transformamos todo ese legado recibido”.

O primeiro concerto realizarase en Montevideo, o vindeiro día 13 de maio, no Teatro Valle Inclán do Centro Gallego ás 20 horas. O día 17 ás 21,00 h., Día das Letras Galegas, Casal visitará un dos teatros máis importantes de latinoamérica e unha das iconas de Bos Aires, o Teatro Avenida, onde compartirá escenario con Xeito Novo e o membro de Milladoiro Nando Casal. A primeira fase desta xira internacional pecharase no Festival Internacional de Cubadisco 2014, organizado polo Instituto Cubano de Música e o Ministerio de Cultura, na Sala do Museo de Bellas Artes ás 19,00 h., e que tamén contará coa presenza da Banda de Gaitas Eduardo Lorenzo.

846 lecturas