O patrimonio cultural e a promoción do libro galego na Feira de Bos Aires centraron a xornada de traballo de Xesús Vázquez Abad na súa visita oficial a Bos Aires

O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe coa xefa de Gabinete do Ministerio os traballos de restauración dos murais de Luís Seoane.

Na quenda de tarde, o conselleiro mantivo unha reunión coa escritora arxentina de raíces galegas, Claudia Piñeiro, e con directivos da ‘Fundación El Libro’ na Feira Internacional do Libro de Bos Aires.

Nesta última reunión iniciáronse as conversas para que Santiago de Compostela sexa cidade convidada de honor á Feira.

Na cita co libro bonaerense están presentes editoriais galegas como OQO Editora, Everest Galicia, Edicións Embora, Galaxia, El Patito Editorial, Ideas Propias e Edicións Positivas.

Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 4 de maio de 2013.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, dedicou a xornada de hoxe ao patrimonio cultural público de Luís Seoane e á promoción do libro galego no exterior. Pola mañá, o conselleiro visitou os traballos de restauración que se están a levar a cabo na capital arxentina sobre o importante patrimonio cultural que supoñen os murais de Luís Seoane. Neste caso o conselleiro estivo acompañado pola xefa de Gabinete do Ministerio de Cultura da cidade, Josefina Delgado, e abordouse a posibilidade dun traballo en común para a salvagarda e divulgación deste patrimonio cultural material. Pola tarde, o titular de Cultura e Educación acudiu á Feira Internacional do Libro de Bos Aires –na que participan diversas editoriais galegas– para entrevistarse no stand de Galicia coa escritora Claudia Piñeiro, así como con varias e varios responsables da ‘Fundación El Libro’. Nesta reunión iniciáronse as conversas para que nun futuro Santiago de Compostela chegue a ser cidade convidada de honor da Feira. Unha novidade que precisamente se inaugura nesta trixésimo novena edición da feira coa cidade de Amsterdam.

Os murais de Seoane
A xornada de mañá comezou coa visita aos grandes murais de Luís Seoane. Na visita Vázquez Abad estivo acompañado por Josefina Delgado, xefa de Gabinete do Ministerio de Cultura bonaerense, departamento que está a restaurar actualmente catro dos setes murais de Seoane situados en galerías céntricas, no marco dun proxecto que se inscribe no programa Estética Urbana. Delgado, informou ao conselleiro do desenvolvemento deste labor impulsado polo goberno da Cidade de Bos Aires durante a visita que ambos realizaron a dous dos murais creados polo artista galego: Os músicos, recentemente restaurado, e Mater Gallaciae, actualmente en proceso de restauración.

"O obxectivo desta iniciativa –segundo lle trasladou Josefina Delgado ao titular de Cultura e Educación– é garantir a permanencia no futuro destas obras de arte e, ao mesmo tempo, ofrecerlle ao público a posibilidade de gozar destes expoñentes culturais poñendo en valor a obra e o seu ámbito". Vázquez Abad falou dun posible traballo conxunto na promoción dun creador esencial “a ambas beiras do Atlántico, que creou un patrimonio en espazos públicos que merece ser conservado, coñecido e recoñecido”. “Trátase dun dos homes que máis ten feito pola cultura galega durante o século XX, estivese onde estivese”, subliñou.

Participación de Galicia na Feira do Libro de Bos Aires
Continuando coa axenda oficial, Vázquez Abad dedicou gran parte da xornada do sábado á promoción e proxección exterior do libro galego. No evento bonaerense –o maior deste tipo no ámbito de fala castelá e un dos fitos culturais e editoriais máis importantes de hispanoamérica–, están presentes as últimas novidades de diversas editoriais galegas como OQO Editora, Everest Galicia, Edicións Embora, Galaxia, El Patito Editorial, Ideas Propias e Edicións Positivas.

Neste contexto feiral, o conselleiro reuniuse no stand de Galicia coa escritora arxentina de pai e nai galegos Claudia Piñeiro, unha das autoras de referencia na literatura latinoamericana actual, que lle entregou un exemplar da súa próxima novela ao conselleiro. No encontro Vázquez Abad comentou con Piñeiro os estreitos lazos entre os autores e as autoras de ficción arxentinos e galegos, froito do intenso intercambio humano entre ambas as dúas sociedades.

A xornada de traballo de Vázquez Abad continuou coa entrevista con dúas directivas da ‘Fundación El Libro’, coa Presidenta da comisión de actividades culturais, Nelly Espiño, e coa Directora executiva desta fundación, Gabriela Adamo. Neste encontro Vázquez, Espiño e Adamo intercambiaron impresións en materia de colaboración entre entidades, políticas de difusión do libro e fomento da lectura. O conselleiro subliñou a importancia do traballo nas primeiras etapas da vida das persoas e expúxolles o “intenso traballo que desde os nosos centros educativos e as nosas bibliotecas escolares estamos a facer en Galicia a prol da adquisición de bos hábitos lectores, grazas ao esforzo e compromiso de toda a comunidade escolar.”

Na entrevista, Vázquez Abad debateu con Adamo e a Espiño a posibilidade de que nun futuro próximo Santiago de Compostela sexa a convidada de honor da Feira. Unha novidade que se inaugura nesta trixésimo novena edición da Feira Internacional de Bos Aires coa cidade de Amsterdam.

A ‘Fundación El Libro’ é unha entidade de referencia para industria editorial na Arxentina. A devandita fundación está constituída pola ‘Sociedad Argentina de Escritores’, a ‘Cámara Argentina del Libro’, a ‘Cámara Argentina de Publicaciones’, o ‘Sector de Libros y Revistas de la Cámara Española de Comercio’, a ‘Federación Argentina de la Industria Gráfica y Afines’, e a ‘Federación Argentina de Librerías, Papelerías y Afines’.

Ofrenda floral
Na tarde, Vázquez Abad acudiu ao cemiterio da Chacarita –un dos maiores e máis monumentais cemiterios do mundo–, no que se realizou unha ofrenda floral no mausoleo galego. Tratouse dun acto cun forte simbolismo no que se viu a recoñecer o esforzo da colectividade e conmemorar o traballo persoal e a vida dos galegos e as galegas na diáspora.

715 lecturas