O DOG publica a primeira das convocatorias de axudas ás comunidades galegas, que contarán con millón e medio de euros en 2015 para desenvolver a súa acción na diáspora

O DOG publica hoxe as subvencións, que contan cun orzamento de 900.000 euros, para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos fins das comunidades galegas nas áreas sociais, de xuventude, formativas, e culturais. 

Estas axudas compleméntanse con outras que se publicarán en breve, do entorno dos 600.000 euros, destinadas a apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos. 

Recóllese unha mellora na puntuación do baremo para as entidades que sexan resultado do proceso de unión ou fusión de varias comunidades galegas, con acceso a liñas específicas ás que se poden acoller. 

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, das subvencións para comunidades galegas, en réxime de concorrencia competitiva, para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins nas áreas sociais, de xuventude, formativas, e culturais.

Esta liña de apoio, dotada con 900.000 euros, compleméntase con outra, que sairá publicada en breve, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior. Así, Emigración destinará no entorno de un millón e medio de euros a reforzar a imaxe de Galicia, a súa cultura, actualidade e calidade, en tódalas sociedades e países con presenza de comunidades galegas.

A convocatoria de hoxe establece o prazo dun mes para a presentación de solicitudes, e especifica que o máximo subvencionable por actuación será do 80% do montante total executado. Tamén especifica o tipo de documentación para a xustificación e acreditación do gasto realizado.

Tres programas
Dentro da liña de subvención hoxe publicada, establécense tres programas concretos. O primeiro, axudas para gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior, dotado con 350.000 euros; un segundo, de axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude, cun orzamento de 450.000 euros; e o terceiro, de accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas, que conta cunha dotación de 100.000 euros.

Neste terceiro programa encádranse o acceso a liñas específicas ás que se poden acoller as comunidades froito da unión de varias entidades, e as colaboracións establecidas entre as comunidades galegas e diversos departamentos da Xunta para a promoción da nosa terra fóra do territorio, como é o caso de “Galicia Pórtico Universal”.

O procedemento de concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

Apoio á unión
Na convocatoria primaranse aquelas entidades froito da unión de varias comunidades galegas, por canto a Lei de Galeguidade establece que a Xunta de Galicia “promoverá os procesos de unión ou fusión entre as entidades galegas no exterior, perseguindo así unha optimización non só dos recursos propios, senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia administración a través dos corres­pondentes programas de axudas e subvencións”.

Deste xeito, dáse forma e continuidade ao compromiso do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, de apoiar e favorecer estes procesos de fortalecemento e axeitado dimensionamento das comunidades galegas no Exterior.

O primeiro, as persoas
Ademais das axudas ás comunidades galegas, cómpre lembrar que o máis importante esforzo orzamentario no departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda realízase a través da orde de axudas individuais, publicada xa a pasada semana, e dotada con dous millóns de euros, a terceira parte do orzamento efectivo de Emigración.

Con esta actuación concreta, oito mil familias galegas residentes no Exterior en situación de precariedade beneficiaranse este ano da blindaxe no orzamento social do Goberno galego. O prazo para as solicitudes neste caso é de 40 días (ata o 3 de marzo), e Emigración márcase como obxectivo resolver todas elas no primeiro semestre do ano.

1428 lecturas