O Consello da Cultura Galega pon na rede a edición completa da revista 'Céltiga'

  • Imaxe da portada do primeiro número de 'Céltiga', publicado o 30 de setembro de 1924
    Imaxe da portada do primeiro número de 'Céltiga', publicado o 30 de setembro de 1924
  • Imaxe da portada do derradeiro número de 'Céltiga', publicado o 25 de xullo de 1932
    Imaxe da portada do derradeiro número de 'Céltiga', publicado o 25 de xullo de 1932
  • Imaxe do acto de presentación celebrado no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela)
    Imaxe do acto de presentación celebrado no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2014.

Céltiga foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932. Nela publicaron tanto notables intelectuais arxentinas e arxentinos como escritores, periodistas, poetas e artistas galegos e galegas de todas as disciplinas. Agora, cando se cumpren noventa anos da publicación do seu primeiro número, o Consello da Cultura Galega promove, en colaboración coa Fundación Penzol, coa Universidade de Santiago, coa Real Academia Galega e co Centro Ramón Piñeiro, Instituto Sarmiento a localización, dixitalización e posta a disposición da cidadanía a través do web institucional a edición completa.

“É un exemplo da converxencia Galicia e América que xa quedou presente no propio nome da revista” apuntou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na rolda de prensa enfocada a presentar os traballos de dixitalización dunha cabeceira que xa se pode consultar na rede. A presentación destes traballos fíxose coincidir co noventa aniversario da publicación do primeiro exemplar da revista. Un número en que deixaron ben claro os seus obxectivos, que non eran máis que ofrecer unha "elevada función patriótica, de manter vivo e latente o culto ao terruño e afianzar, estreitar os vínculos afectivos dos descendentes de Breogán", ademais de publicar artigos que funcionasen como "válvulas expansivas do pensamento e dos ideais galegos".

Cada unha das entidades que participaron no proxecto contribuíron a destacar o carácter desta iniciativa. Para Luis Alonso Girgado, investigador do Centro Ramón Piñeiro, recuperar Céltiga supón achegarse a unha publicación que “xunto con Vieiros e outras cabeceiras, é unha das revistas de prensa cultural máis importante que deu a emigración”. Margarita Ledo, membro da Real Academia Galega, incidiu no poder simbólico desta publicación e a “posta en valor dunha fonte patrimonial que nos explica”. Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, director do Instituto Sarmiento; María Isabel Casal Reyes, directora da Biblioteca Xeral da USC; e Julio Souto, vicepresidente da Fundación Penzol, destacaron a importancia das novas tecnoloxías

Sobre Céltiga (Revista Gallega de Arte, Crítica, Literatura y Actualidades)
Primeiramente, Adolfo Vázquez Gómez e, posteriormente, Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo foron os directores literarios dunha publicación pola que desfilaron Castelao, Maside, Suárez Couto, Francisco Asorey, Luis Ksado… Un expoñente de galeguidade de periodicidade quincenal que contaba con seccións como “Motivos de crónica”, “Juicios que suscita Céltiga”, “Actos y fiestas por nuestras sociedades” que daba conta das actividades e celebracións dos centros galegos en Arxentina, e outras como “Paisajes gallegos”, “Paisajes argentinos” ou “Temas gallegos”. De feito, coas súas fotografías e o seu grafismo contribuíu a construír unha imaxe de Galicia no exterior. Outro dos aspectos máis destacados da publicación está no feito do uso do idioma, xa que é unha publicación que, aínda que está maioritariamente en castelán, emprega bastante a lingua galega. Céltiga deixou de editarse o 25 de xullo de 1932 co seu número 182.

Vicente Risco dixo de Céltiga que era esa revista que “aló no alenmar fai canto pode por soster o espirto galego, pol-a divulgacion das nosas riquezas naturás e moimentos e pol-o espallamento da nosa produción literaria e artísteca”. E Avelino Díaz que “era una tribuna de prestixio que polarizaba lo mejor del pensamiento y del espírito gallego e irradiaba nuestra cultura más allá delos límites colectivos”.

Fonte e fotos: Consello da Cultura Galega

 

1415 lecturas