Na celebración solemne do Día de Galicia en Caracas, Miranda afirma que a Hermandad Gallega é “os nosos ollos e as nosas mans” na capital venezolana

O secretario xeral da Emigración lembrou que a Xunta apoia e acompaña aos emprendedores e emprendedoras na implantación dos seus negocios na Galicia territorial, mesmo con axudas específicas ás e aos residentes na diáspora compatibles coas demais.

  • O secretario xeral da Emigración coas mozas e mozos dos grupos de baile e autoridades da Hermandad
    O secretario xeral da Emigración coas mozas e mozos dos grupos de baile e autoridades da Hermandad
  • Na imaxe, Miranda coas autoridades da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
    Na imaxe, Miranda coas autoridades da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
  • Miranda (á dereita da imaxe) co presidente da Hermandad, o cónsul xeral de España e o cónsul adxunto
    Miranda (á dereita da imaxe) co presidente da Hermandad, o cónsul xeral de España e o cónsul adxunto
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na celebración do Día de Galicia na Cámara Solemne (similar a un parlamento no que están representadas as distintas sensibilidades) da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, unha das institucións máis importantes da diáspora, integrada por preto de 10.000 familias galegas.

Durante a súa alocución, Miranda defendeu que “neste tempo de incertezas, faise máis necesaria, precisamente, esa Irmandade da que fai gala a denominación da vosa entidade. Nestes tempos revoltos nos que o compromiso social é máis necesario que nunca, congratúlame celebrar o Día de Galicia nesta sede, que é unha das institucións máis senlleiras da Galeguidade universal, e un destacado bastión nesta materia: un lugar, unha institución, que durante os seus máis de 50 anos de existencia soubo marcar a pauta das actuacións para favorecer o seu prestixio social dentro ou fóra do país, acompañándoo dunha acción directa en auxilio dos menos favorecidos”.

O secretario xeral da Emigración gabou que “a Hermandad representa os nosos ollos e as nosas mans en Venezuela. Os nosos ollos, porque sen a vosa axuda sería imposible detectar, rexistrar e documentar os casos de galegas e galegos, e de familiares, en circunstancias de extrema necesidade. E as nosas mans, porque grazas ao labor desta institución, e ao ímprobo e nunca recoñecido traballo dos seus empregados e voluntarios, a axuda que as galegas e os galegos destinan aos seus concidadáns máis necesitados pode chegar a esa parte tan importante da nosa poboación que é a Galicia do Exterior”.

Este acto da celebración solemne do Día de Galicia é o primeiro dos que desenvolverá o secretario xeral nesta nova viaxe a Venezuela, un país que, polas circunstancias especiais que atravesa, está a centrar a atención do secretario xeral, e no que se están a intensificar as políticas sociais da Secretaría Xeral da Emigración, coa finalidade de detectar e, na medida do posible paliar, as situacións de necesidade de residentes galegos e galegas.

Apoio ao retorno
Asemade, Venezuela é un dos países nos que reside parte das e dos galegos que están a estudar a posibilidade de retornar á Galicia territorial, agora que se ten superado a peor fase da crise económica. Neste senso, Miranda lembrou as múltiplas medidas de apoio e acompañamento que a Xunta de Galicia está a desenvolver, tanto a través do departamento que dirixe, como da Consellería de Traballo e Benestar, ou do Instituto Galego de Promoción Económica.

Así, ademais das axudas para creación de novas empresas e autoemprego que ambas institucións ofertan a tódolos emprendedores galegos e galegas residan onde residan, a Secretaría Xeral da Emigración convoca axudas específicas para o retorno emprendedor, mediante as cales os galegos e galegas da diáspora reciben unha axuda -compatible coas anteriores- para a implantación na Galicia territorial do seu negocio ou servizo. Desta maneira, ao tempo que se achegan os coñecementos e experiencias adquiridos polo promotor en terceiros países, foméntase a creación de riqueza e emprego na Galicia territorial, e axúdase á implantación de novas empresas na Comunidade Autónoma.

“Sería bo, para todas e todos, que Galicia empece a verse, agora que remontamos a peor crise dos últimos decenios, como unha terra de oportunidades. As e os galegos fomos sempre un referente, dentro e fóra de España, de vocación de emprender e de espremer as oportunidades. Pois ben, é a hora, é o momento para que na nosa terra se leven a cabo proxectos empresariais, desde os máis ambiciosos aos máis modestos, e que para iso a Administración autonómica guía e acompaña, tamén con axudas económicas, a aqueles que desexan envorcar na súa terra de orixe todo o saber, a bagaxe, a experiencia, que atesouraron noutros lugares do planeta”, dixo Miranda.

Padriño no ‘Castelao’
O secretario xeral da Emigración continúa a súa axenda apadriñando a vixésimo quinta promoción de alumnas e alumnos do Colexio Castelao, unha das dúas únicas institucións educativas creadas por e para a diáspora e que seguen en activo. O ‘Castelao’ é un referente en materia educativa, e unha pegada relevante que as e os emigrantes galegos chegados a Venezuela teñen deixado para as xeracións vindeiras. Tamén se desprazará Rodríguez Miranda ata Puerto la Cruz, para visitar ás e aos socios, e as instalacións, do Centro Galego desta localidade, e reunirse despois coa súa directiva.

Na xornada do sábado, manterá un encontro cos socios, e despois especificamente con mozas e mozos, do Centro Galego de Puerto La Cruz. E finalmente, Miranda concluirá esta nova andaina achegándose a coñecer ás e aos socios, e as instalacións, dunha entidade senlleira na localidade costeira de Carballeda, preto de Maiquetía, o Club Tanaguarena, do que a maioría de socios son galegos e galegas.

Arestora residen na República de Venezuela, segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2015, un total de 46.882 galegas e galegos, dos que dous terzos (o 64’6 %) naceron xa na diáspora.

1553 lecturas