Miranda salienta o mantemento do carácter universal da Galeguidade durante a clausura da edición de 2015 de ‘Escolas Abertas’

O secretario xeral da Emigración, o delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, e mailo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, entregaron as respectivas certificacións aos 83 alumnos e alumnas que participaron este ano nos obradoiros de formación destinados a galegos e galegas residentes fóra da Comunidade Autónoma.

O alumnado -na súa inmensa maioría procedente de Iberoamérica- compartiu dúas semanas de traballos e estadía no albergue Lug II, dependentes da Dirección Xeral da Xuventude.

  • Momento da actuación do grupo de canto
    Momento da actuación do grupo de canto
  • Foto de grupo completo (no centro, con traxe cor beixe, Rodríguez Miranda)
    Foto de grupo completo (no centro, con traxe cor beixe, Rodríguez Miranda)
  • Á esquerda na foto, profesorado e monitores dos cursos; e as tres autoridades presentes: á dereita de todo, López Dobarro; segundo pola dereita, Rodríguez Miranda; terceiro pola dereita, Alberto Linares
    Á esquerda na foto, profesorado e monitores dos cursos; e as tres autoridades presentes: á dereita de todo, López Dobarro; segundo pola dereita, Rodríguez Miranda; terceiro pola dereita, Alberto Linares
Listen to this page using ReadSpeaker
Lugo, 28 de xullo de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, clausurou esta mañá no Círculo das Artes da cidade da Muralla a edición deste ano do programa Escolas Abertas. No acto tamén estiveron presentes o delegado da Xunta de Galicia en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, e mailo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Lugo, Alberto Linares.

A iniciativa desenvolveuse durante esta segunda quincena de xullo en diversos enclaves galegos, tendo como punto de concentración e aloxamento o albergue Lug II, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Traballo e Benestar.

Do programa Escolas Abertas beneficiáronse neste 2015 un total de 83 alumnos e alumnas: 70 procedentes de Iberoamérica, 7 doutros países europeos distintos de España, e 6 doutras comunidades autónomas españolas distintas de Galicia. Os cursos da edición deste ano consistiron en obradoiros de especialización de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.

Escolas Abertas pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así aos cidadáns e ás cidadás da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nado, fóra da Galicia territorial.

Universalidade
Na súa alocución ás e aos presentes, Rodríguez Miranda gabou o fornecemento da Galeguidade universal que están a levar a cabo moitos centros e casas de Galicia mediante a posta ao día e ampliación da súa carteira de servizos. “Sodes embaixadores da cultura galega nos centros e países nos que residides, unhas mans colaboradoras sen as cales a universalidade de Galicia quedaría manca”.

Os propios Miranda, Dobarro e Linares foron os encargados de entregar cadansúa certificación ás e aos participantes na edición deste ano, nun acto que concluíu coa posta en común do moito aprendido estes días: o colofón puxérono as propias alumnas e os propios alumnos con respectivas actuacións ou representacións en vivo das distintas disciplinas nas que foron formadas e formados.

1700 lecturas