Miranda participa na reunión preparatoria da segunda edición de ‘Bos Aires celebra Galicia’, e asina un convenio para asistencia sociosanitaria aos maiores galegos e galegas de Mar del Plata

O secretario xeral da Emigración viaxa despois a Venezuela, para renovar acordos tamén en materia sociosanitaria e coñecer a actualidade do país da man das comunidades galegas.

Por mor do convenio co Centro Galego de Mar del Plata, esta entidade comprométese a brindar asistencia social, alimenticia e sanitaria ás e aos maiores galegos dependentes, e residentes na zona.

As comunidades galegas na Arxentina, e a Xunta, proxectan como mellorar o éxito de participación acadado o ano pasado na gran celebración da Galeguidade na capital arxentina, que amosou a capacidade de unión das entidades galegas.

Na imaxe: Avenida de Maio, desde a Praza homónima, cunha parte do público asistente á primeira edición
Na imaxe: Avenida de Maio, desde a Praza homónima, cunha parte do público asistente á primeira edición
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina co Centro Galego de Mar del Plata un convenio co obxecto de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das cidadadás e os cidadáns galegos maiores, con problemas de dependencia, e residentes nesa cidade arxentina.

Por mor do acordo, dotado con 25.000 euros, o Centro comprométese a brindar a este colectivo atención social individualizada, a través da figura dun traballador social, que exercerá as funcións de coordinador do servizo; atención alimenticia, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; atención á saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias sobre a saúde no maior, servizo de dinámicas socioculturais, e xornadas médicas preventivas.

Segundo establece o propio acordo, “os destinatarios destes programas serán as persoas maiores de orixe galega ou descendentes destes ata o segundo grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes en  Mar del Plata e municipalidades limítrofes,  que pola súa idade estado físico e situación de carencia, teñan problemas de autonomía persoal”.

Bos Aires celebra
Miranda preside ademais na capital arxentina a xuntanza preparatoria de ‘Bos Aires celebra Galicia’ na súa edición deste ano. Esta segunda edición ten lugar tras comprobaren as autoridades locais porteñas o importante éxito da primeira cita, con máis de mil persoas involucradas directamente na organización, e na contorna das e dos cen mil participantes malia o adverso das condicións climatolóxicas na xornada de 2014.

Daquela, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como o propio Miranda, o delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, e outras autoridades galegas e locais,  participaron nunha iniciativa que situou Galicia e ao Camiño de Santiago nos epicentros da actividade social e cultural da capital arxentina.

O programa xenérico ‘Bos Aires celebra’ é unha iniciativa da propia cidade para dar a  coñecer aos seus veciños e veciñas o máis destacado das múltiplas comunidades que conforman o variado crisol de culturas que é a capital arxentina. As comunidades galegas en Bos Aires sumáronse axiña á idea e, da man da Xunta, proxectaron en 2014 unha celebración que puxese en valor a terra das súas orixes.

E coa acción en Bos Aires, as comunidades galegas amosaron publicamente a inmensa gratitude do pobo galego cara esta cidade, por ser a sociedade receptora durante décadas de milleiros de paisanos e paisanas, ao tempo que exhibían a súa capacidade de acción cando as une un obxectivo común.

‘Invasión’ galega
Os actos tiveron lugar na Avenida de Maio, e rúas e prazas adxacentes, en pleno centro da capital arxentina, con diversas expresións artísticas e plásticas cas que as e os bonaerenses puideron acceder á imaxe real e  actualizada dunha Galicia moderna e competitiva, á vez que afondaban no coñecemento da súa cultura tradicional, aspecto que neste 2015 se intenta intensificar.

As persoas asistentes tiveron oportunidade de participar en diversas actividades musicais, teatrais, e espectáculos de diversa índole, organizadas polas comunidades galegas naquel país, en diversos escenarios dispostos na zona reservada para o evento polas autoridades municipais. Trátase de accións que tiveron como denominador común a interactividade, pois a prioridade era fomentar a participación da xente que se achegase ou pasase polo lugar, como de feito se conseguiu.

Diversos grupos musicais e teatrais, todos eles vinculados a centros da diáspora, ofreceron todo o día espectáculos de rúa, e tamén nos escenarios, para tódalas idades. Cómpre salientar que estas comunidades galegas procedían, ademais de Arxentina, de países da contorna: Chile e Uruguai. E, dentro da Arxentina, foi tamén variada a procedencia das comunidades que participaron no evento con achegas que o público puido coñecer e gozar; así, participaron entidades de Rosario, Santa Fe, Mar del Plata, e Patagonia.

Pórtico Universal
Asemade, para sumarse á gran celebración da Galeguidade na Arxentina, a Xunta levou a Bos Aires –dando así por vez primeira o salto alén o océano- a área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’ , que neste ano 2015 repetirá visita. Trátase dun espazo “que pon en valor os tesouros culturais, turísticos, gastronómicos, e artesanais de Galicia, en definitiva a cultura e calidade galegas”, en palabras de Rodríguez Miranda.

‘Galicia, Pórtico Universal’ naceu froito da colaboración da Consellería do Mar e do Medio Rural, Artesanía de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia, e a propia Emigración. Trátase dunha infraestrutura sinxela e versátil para a promoción exterior da Comunidade Autónoma, que inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, área de información de Turgalicia, e unha aula profesional de cata.

Despois, Venezuela
Tralo seu paso por Bos Aires, o secretario xeral da Emigración trasládase ata Caracas, para renovar convenios de colaboración con entidades locais que axuden a garantir a calidade de vida das e dos galegos residentes en Venezuela, así como achegarse a coñecer in situ a situación da colectividade galega en Venezuela. Neste país, as comunidades galegas atravesan -coma o resto da cidadanía nativa- un período de dificultade, “durante o que o Goberno e o pobo galegos queremos e debemos estar máis preto que nunca dos nosos paisanos do outro lado do Atlántico”, sinala Rodríguez Miranda.

1256 lecturas