Miranda participa na homenaxe a Enrique Santín no primeiro Magosto de FAGAMA

O homenaxeado, persoa de especial relevancia da Galeguidade, activou moitas das iniciativas máis destacadas das galegas e os galegos residentes en Madrid.

  • Enrique Santín (á dereita na imaxe) foi galardoado co Castiñeiro de Ouro
    Enrique Santín (á dereita na imaxe) foi galardoado co Castiñeiro de Ouro
  • A FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid) tamén celebrou o su primeiro Magosto
    A FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid) tamén celebrou o su primeiro Magosto
  • Enrique Santín (á dereita na imaxe) foi galardoado co Castiñeiro de Ouro
    Enrique Santín (á dereita na imaxe) foi galardoado co Castiñeiro de Ouro
  • A FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid) tamén celebrou o su primeiro Magosto
    A FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid) tamén celebrou o su primeiro Magosto
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta fin de semana na celebración do I Magosto de FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid), no decurso do cal fíxose entrega do Castiñeiro de Ouro, galardón especial de homenaxe, a Enrique Santín, unha das persoas máis coñecidas e recoñecidas da colectividade galega residente da Comunidade de Madrid.

Na sentida homenaxe, e nas posteriores actividades folclóricas e lúdicas –incluído o magosto que daba nome á celebración- participaron membros da directiva de FAGAMA e numerosos socias e socios das entidades integradas na mesma, nun novo acto conxunto da colectividade galega en Madrid, que está a amosar unha capacidade extraordinaria de organización de iniciativas coordinadas e de éxito.

Enrique Santín ten destacado na súa traxectoria vital e profesional coma un firme defensor dos valores e cultura galegos na capital española, axudando de maneira eficiente –e en moitas ocasións pioneira- ao bo nome e proxección nacional e internacional da nosa terra. A este ilustre avogado asentado en Madrid débense, en boa parte, diversas iniciativas conxuntas da Galeguidade na rexión, como a propia FAGAMA ou a Enxebre Orde da Vieira, entre outras, coas que se ten granxeado o amplo agarimo das galegas e galegos residentes na primeira cidade de España.

Entrega e compromiso
Durante a súa alocución ás persoas presentes, Miranda gabou o feito de que “este sexa un premio ben merecido polo receptor, por canto é o resultado dunha traxectoria de entrega e compromiso con Galicia. O exemplo de Santín é un modelo na sociedade actual como referente para toda a mocidade, e de maneira moi especial para a que conforman as mozas e os mozos galegos, tanto dentro coma fóra da Galicia territorial”.

Que o galardón entregado a Santín fose precisamente un castiñeiro serviu ao secretario xeral da Emigración para lembrar que “esta árbore afunde as súas raíces ben dentro da terra, como ten feito Enrique, para dar robusto soporte a toda unha traxectoria vital. Asemade, o mesmo que o castiñeiro ofrece froitos a varias xeracións, a obra vital de Santín será faro de moitos galegas e galegos do futuro, grazas aos seus escritos e ao seu vivo exemplo”.

945 lecturas