Miranda desenvolve diversas actividades coa diáspora galega na súa segunda viaxe a México
O secretario xeral da Emigración participa na entrega das medallas de Honra da Emigración na súa categoría de Ouro, concedidas polo Goberno Central, ao Casino Español -que cumpre 150 anos, e preside o galego Augusto Rodríguez – e á galega Sor Salud Conde.
O alto cargo da Xunta entrevistouse co embaixador para estudar fórmulas que garantan unha mellor cobertura ás necesidades das comunidades galegas asentadas no país azteca, e reuniuse coa colectividade no Centro Galego da capital.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxa esta fin de semana aos Estados Unidos de México, onde leva a cabo diversas accións de encontro coa diáspora galega e as máximas autoridades españolas alí residentes, na súa segunda viaxe a este país latinoamericano desde que tomase posesión do seu cargo.
Así, en primeiro lugar, Miranda tivo ocasión de entrevistarse co embaixador español, Manuel Alabart Fernández Cavada, con quen estudou diversas fórmulas para mellorar a coordinación entre administracións para dar mellor cobertura ás necesidades expresadas polas colectividades galega e española nos últimos meses.
De seguido, desprazouse ata o Centro Galego de México, en Cuauhtemoc, para departir coa colectividade residente na capital do país. Alí, preocupouse pola situación da comunidade galega e polas novidades recentes da actualidade da nación azteca, e a súa repercusión entre a diáspora.
Emigración ‘de ouro’
O acto central desta visita de Miranda a México tivo lugar no Salón dos Reis do Casino Español de México, onde a secretaria xeral de Inmigración e Emigración do Goberno de España, Marina del Corral, fixo entrega á entidade da Medalla de Honra da Emigración, na súa categoría de Ouro. Neste evento, o secretario xeral da Emigración asistiu en representación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O Casino Español, presidido polo galego Augusto Rodríguez Piñero, celebra este ano o seu 150 aniversario. Trátase dunha egrexia institución universalmente respectada e recoñecida entre a diáspora, que ten desenvolvido ao longo do seu século e medio de vida un papel moi relevante tanto na historia mexicana como na da Emigración galega e española.
Un acto similar, igualmente coa presenza de Miranda, ten lugar hoxe na residencia da Embaixada de España, en Lomas de Chapultepec, onde se impón esa mesma distinción á emigrante galega Sor Salud Conde. A Madre Salud, como é coñecida popularmente na capital azteca, ten dirixido durante décadas varios dos centros formativos de maior sona e prestixio de México. Pertence á orde das Escravas da Santísima Eucaristía e da Nai de Deus, da que dependen fundacións humanitarias, e con misións no ámbito educativo e social.
Novas relacionadas