Miranda asistiu ao Día de Galicia en Alcobendas, cidade exemplo de integración da diáspora

  • O secretario xeral da Emigración participou na celebración do Día de Galicia que organiza a Xuntanza de Galegos en Alcobendas, entidade que vén de cumprir o seu 25 aniversario
    O secretario xeral da Emigración participou na celebración do Día de Galicia que organiza a Xuntanza de Galegos en Alcobendas, entidade que vén de cumprir o seu 25 aniversario
  • O secretario xeral da Emigración participou na celebración do Día de Galicia que organiza a Xuntanza de Galegos en Alcobendas, entidade que vén de cumprir o seu 25 aniversario
    O secretario xeral da Emigración participou na celebración do Día de Galicia que organiza a Xuntanza de Galegos en Alcobendas, entidade que vén de cumprir o seu 25 aniversario
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, compartiu a celebración do Día de Galicia en Alcobendas (Madrid), que se realiza tódolos anos nesta cidade madrileña co gallo da festividade do Santiago Apóstolo, e que reuniu na Praza da Esfera a centenares de participantes. As e os asistentes eran tanto persoas con vencellos con Galicia, como cidadás e cidadáns residentes na localidade que quixeron festexar esta data tan especial coa comunidade galega.

Canda o secretario xeral, participaron no evento diversas autoridades locais, como o primeiro tenente de alcalde e rexedor en funcións, Ramón Cubián, ou os concelleiros de Cultura e Xuventude, Luis Miguel Torres, e Facenda, Agustín Martín, estes con ligazóns familiares e persoais con Galicia.

Xuntanza de Galegos en Alcobendas é unha entidade cunha relevancia social e histórica moi importante no seu ámbito xeográfico. Celebra este 2014 o seu 25 aniversario, e nestes anos tense convertido nun referente, a nivel local e tamén autonómico, pola intensa colaboración que desenvolve coas distintas administracións con sede tanto en Madrid como en Galicia.

Ademais, o seu presidente, Ovidio Cadenas, lidera no seu ámbito xeográfico o traballo en prol da Galeguidade e da súa unión, por canto encabeza tamén a Federación de Asociacións Galegas en Madrid.

Integración
O Día de Galicia é un exemplo senlleiro do bo facer de Xuntanza ao longo do ano. A ampla veciñanza da localidade, con ou sen relación directa con Galicia, que quere compartir coa diáspora esta especial xornada. Trátase dun expoñente da capacidade de integración que a entidade galega de Alcobendas ten amosado. Ademais, o relevo xeracional está amplamente garantido, pois son moitos os mozos e mozas que participan das actividades de Xuntanza, non só neste día, senón ao longo de todo o ano.

Esta capacidade de integración na sociedade de acollida foi gabada por Miranda, quen salientou o seu agradecemento “a toda a sociedade de Alcobendas, polo agarimo con que sempre souberon arroupar á nosa xente, amosando un compromiso pola integración do pobo e cultura galegos que queremos recoñecer explicitamente. E que, sen dúbida, é xusta resposta ao traballo arreo das galegas e os galegos polo desenvolvemento desta cidade” do norte de Madrid.

Miranda tamén transmitiu o seu agradecemento ás institucións municipais “pola súa permanente e crecente colaboración nas actividades da nosa comunidade, e polo apoio a ese esforzo de integración plena” da Galeguidade na vida de Alcobendas, e de toda a Comunidade de Madrid.

A xornada comezou cunha sardiñada na que se serviron (para todo o público asistente, non só socios e socias da Xuntanza de Galegos en Alcobendas) refrescos, cervexa e pan canda o peixe fritido. Despois, tivo lugar a actuación do grupo folclórico ‘Xuntanza’ na propia Praza da Esfera da cidade madrileña.

O domingo 27 houbo pasarrúas coa banda de gaitas e grupo de desfile portando a imaxe de Santiago ata a igrexa de San Pedro, onde tivo lugar unha misa solemne en galego, cantada polo ‘Coro de Xuntanza’, retransmitida por La 2 de TVE, e oficiada polo capelán das comunidades galegas en Madrid, Andrés Ramos. Finalizaron os festexos a mediodía cun xantar de confraternidade.

833 lecturas