Mañá entrará en vigor a nova Lei da Galeguidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado 11 de xuño.

O novo texto lexislativo preserva o patrimonio das Comunidades Galegas no Exterior, dá pulo á muller e á xuventude, e consolida as prestacións socioasistenciais á diáspora.

Tamén destaca a incorporación ao seu articulado da importancia das comunidades galegas no exterior como axuda á proxección económica de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2013.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, que entrará en vigor con data de mañá, 5 de xullo de 2013. A nova Lei da Galeguidade foi aprobada o pasado 11 de xuño polo Parlamento de Galicia, tras acadar tamén un amplísimo consenso na última xuntanza do Consello das Comunidades Galegas, que tivo lugar no mes de xuño do pasado ano en Santiago de Compostela.

Cumprindo o mandato estatutario
O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu título preliminar, salienta a importancia que a diáspora dos seus fillos e fillas dos últimos dous séculos supuxo para o pobo galego, establecendo que as comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poidan solicitar o recoñecemento da súa galeguidade. A Lei de Galeguidade de 1983 -pioneira na súa materia en España- recollía o mandato da cidadanía e foi unha ferramenta de enorme utilidade para Galicia e a súa diáspora pero o desenvolvemento social, económico e político de Galicia, do Estado español e dos países de acollida dos cidadáns e as cidadás galegos residentes fóra de Galicia, desde a promulgación da Lei de recoñecemento da galeguidade, configuran hoxe unha realidade que supera o marco inicial de desenvolvemento desta normativa legal.

Por iso esta nova realidade no ámbito da galeguidade debía ser integrada nun novo marco normativo que actualizara a relación entre as comunidades galegas e o pobo galego, fixera máis eficiente o uso de recursos públicos a favor dos nosos e as nosas residentes no exterior e das comunidades que conforman e dese resposta ás novas realidades socioculturais e económicas.

Eixos da nova lei
A nova lei promove os procesos de unión ou fusión entre as comunidades galegas cun dobre obxectivo: por unha banda, fortalecer, a través da unión patrimonial e dos seus asociados e asociadas, as propias comunidades galegas e, por outra, protexer o patrimonio galego, especialmente o cultural, fóra de Galicia. Así mesmo, recolle o papel das comunidades como axentes de cooperación galega; a participación activa da xuventude e da muller na vida asociativa das comunidades galegas para asegurar o necesario relevo xeracional; a protección do patrimonio das ditas comunidades, especialmente o cultural; e a consideración desas comunidades como axentes da promoción cultural e de difusión das posibilidades turísticas de Galicia no exterior.

Tamén trata de fomentar a importancia das relacións económico-empresariais e o seu fortalecemento entre os axentes económicos das comunidades galegas da Galicia exterior e os da Galicia territorial. Neste sentido, recoñécense novas formas de participación na galeguidade, como son as asociacións de carácter empresarial ou as redes sociais, en diversas plataformas tecnolóxicas.

Por último, sen prexuízo do disposto na normativa básica estatal, defínese nesta lei a condición de galego ou galega retornado e establécese o marco no que se desenvolverán as actuacións en materia de retorno que permitan a integración social, cultural e laboral dos galegos e as galegas que decidan retornar a Galicia.

 

1124 lecturas