Máis de once mil persoas visitaron a área expositiva de Galicia instalada en Sevilla

A instalación realizouse co gallo do ‘V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais de Andalucía’, organizado polo Concello hispalense, e que este ano se dedicaba á Comunidade galega.

Catas de produtos de calidade recoñecida do mar e da terra, promoción turística e do Xacobeo, e producións artesás, compartiron 220 metros cadrados en pleno corazón da capital andaluza.

  • Na imaxe, unha das catas dos produtos galegos de calidade que se celebraron na área expositiva de Galicia
    Na imaxe, unha das catas dos produtos galegos de calidade que se celebraron na área expositiva de Galicia
  • O presidente da Xunta participou na inauguración oficial deste V Encontro, dedicado nesta edición á nosa comunidade
    O presidente da Xunta participou na inauguración oficial deste V Encontro, dedicado nesta edición á nosa comunidade
  • Imaxe da presentación da área expositiva de Galicia en Sevilla co gallo do ‘V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais'
    Imaxe da presentación da área expositiva de Galicia en Sevilla co gallo do ‘V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2013.

A área expositiva e promocional de Galicia recibiu nos dous días de estadía na Plaza Nueva de Sevilla máis de once mil visitas, e mesmo debido á importante afluencia de público, houbo que aprazar a entrada de persoas en diversos momentos, coa fin de non ateigar en exceso as instalacións.

A área, que xa percorreu con similar éxito as localidades de Frankfurt, Santurce (na celebración anual de irmandamento de tódalas casas galegas en Euskadi) e Barcelona, podería viaxar o ano que vén a outros puntos de España, Europa e tamén América, mercé á colaboración entre distintos departamentos da Administración coas comunidades galegas da diáspora.

Foi precisamente o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o encargado de presentar en Sevilla esta área expositiva de Galicia, instalada co gallo do ‘V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais de Andalucía’, organizado polo Concello da capital andaluza, e que este ano se dedicou a Galicia, evento no que se contou asemade coa presenza do secretario xeral do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto.

Que ofrece
A área expositiva é froito da colaboración da Consellería do Mar e do Medio Rural, que achega produtos amparados polas distintas denominacións de orixe, así como os ingredientes necesarios para a elaboración de receitas galegas, aínda que sempre se maridan con pratos do lugar de acollida, neste último caso da gastronomía andaluza; da Axencia Turismo de Galicia, que ofrece material informativo en varios idiomas e persoal especializado para atender as demandas das e dos visitantes; da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que tamén mostra con material específico a relevancia internacional que ten acadado o fenómeno da peregrinación a Compostela; da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e de Galicia Calidade, dependentes da Consellería de Economía e Industria, que achegan producións de alto deseño coa presenza de profesionais na materia; e, finalmente, a Secretaría Xeral da Emigración, que aúna os esforzos dos centros galegos presentes fóra de Galicia co traballo dos diferentes departamentos sectoriais da Xunta co obxectivo de facilitar a proxección exterior de Galicia.

Miranda asegurou que é fundamental para Galicia estar presente nestes certames onde se dan cita, coma neste caso en pleno centro de Sevilla, milleiros de persoas, pois “a magnífica imaxe exterior dos nosos produtos e da nosa terra precisa un permanente pulo da promoción exterior, pola alta competencia e os niveis cada vez máis altos de esixencia do consumidor e do viaxeiro”.

O máximo responsable galego en materia de Emigración salientou o papel clave das comunidades galegas á hora de afianzar a capacidade de proxección turística e económica de Galicia: “As e os paisanos residentes fóra da Galicia territorial son os mellores embaixadores de todo o que a nosa terra pode ofrecer ao visitante, e ao inversor”.

Relacións estreitas
Sevilla contou coa presenza non só con esta área expositiva, senón mesmo a semana pasada coa máxima representación institucional de Galicia, pois o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou na inauguración oficial deste V Encontro dedicado á Comunidade Autónoma, canda as autoridades locais. Ademais, Feijóo entregou a Anduriña de Ouro –máxima distinción do Lar Galego de Sevilla- ao alcalde hispalense, Juan Ignacio Zoido, nun acto que tivo lugar na Casa do Concello da capital andaluza.

Desta maneira, simbolizouse de maneira oficial a relación historicamente estreita e frutífera entre a comunidade galega asentada na capital andaluza e a sociedade de acollida, relación da que o Lar Gallego de Sevilla é senlleiro estandarte. Segundo os datos do INE, na actualidade residen en Andalucía máis de 22.000 galegos e galegas, dos que preto de 4.000 están censados en Sevilla.

1776 lecturas