Feijóo inicia a axenda oficial en México cun encontro co secretario de Economía para dar continuidade á relación privilexiada que se estableceu na lexislatura pasada e abrila a máis sectores estratéxicos de Galicia

Afondar na alianza estratéxica entre Galicia e México no que se refire ao sector naval e nos respectivos intereses portuarios serán os obxectivos principais do encontro co presidente mexicano; ao que precederá, a modo preparatorio, unha reunión co novo director de PEMEX, Emilio Lozoya.

Afirma que México é unha oportunidade, “tal e como xa constatamos na pasada lexislatura, e o vai seguir sendo nesta”.

Constata a disposición do Goberno mexicano a seguir estreitando os lazos económicos con Galicia, como mostran as reunións ao máis alto nivel que Feijóo manterá co presidente Peña Nieto e cos secretarios de Economía, e de Desenvolvemento Agrario, Rural e Urbano.

Salienta que o Goberno mexicano está desenvolvendo unha política de reforzo en sectores nos que Galicia ten moito que achegar: enerxías renovables, agroindustria, infraestruturas e loxística e sectores vitivinícola, téxtil, automoción e turismo.

Feijóo inicia a axenda oficial en México cun encontro co secretario de Economía para dar continuidade á relación privilexiada que se estableceu na lexislatura pasada e abrila a máis sectores estratéxicos de Galicia
Feijóo inicia a axenda oficial en México cun encontro co secretario de Economía para dar continuidade á relación privilexiada que se estableceu na lexislatura pasada e abrila a máis sectores estratéxicos de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
México, 12 de abril de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, iniciou hoxe a axenda oficial en México, cun encontro co secretario de Economía do país, Ildefonso Guajardo Villarreal, para dar continuidade á relación privilexiada que se estableceu na lexislatura pasada, entre Galicia e o país norteamericano, e abrila a máis sectores estratéxicos da nosa Comunidade. Ese será tamén o obxectivo dos restantes encontros institucionais que manterá nos vindeiros días.

De feito, a axenda do presidente en México inclúe outro encontro co Secretario de Desenvolvemento Agrario, Rural e Urbano, ademais da reunión ao máximo nivel co presidente dos Estados Unidos de México, Enrique Peña Nieto. En opinión do responsable do Executivo galego estas xuntanzas constatan a disposición do Goberno mexicano a seguir estreitando os lazos económicos con Galicia.

Afondar na alianza estratéxica entre Galicia e México no que se refire ao sector naval así como os respectivos intereses portuarios de ambos os dous países será o obxectivo principal do encontro co presidente mexicano ao que precederá, a modo preparatorio, outro encontro co novo director de PEMEX, Emilio Lozoya. Nese senso, aseverou que Galicia e México teñen moito camiño andado a través da alianza estratéxica con PEMEX, alcanzada na lexislatura pasada, “e con ese punto de partida queremos consolidar e explorar novas vías de colaboración”.

O presidente da Xunta avanzou, tamén, a intención de explorar novas vías de colaboración co país, lembrando que o Goberno mexicano está desenvolvendo unha política de reforzo en sectores nos que Galicia ten moito que achegar, como poden ser as enerxías renovables, a agroindustia, as infraestruturas e loxística, o sector vitivinícola, o téxtil, a automoción ou o turismo.

“En todos eles hai moitas oportunidades para os emprendedores galegos e a nosa aposta é chamar a todas as portas que sexa posible nestes días para aproveitalas”, dixo, ao que engadiu que tamén terá a oportunidade de reunirse con importantes emprendedores de México, entre eles, o presidente do Consejo Empresarial Mexicano de Comercio Exterior, Valentín Díez Morodo; así como visitar un dos principais portos de México, na península de Yucatán, o Puerto de Altura del Progreso en Mérida. E será, en Yucatán, onde terá a oportunidade de manter unha xuntanza co Gobernador.

Por outra banda, Feijóo tamén aproveitará a súa estancia en México para reunirse coa colectividade galega, o vindeiro domingo 14 de abril. Neste senso recordou que os máis de 100.000 galegos e galegas que residen en México teñen importantes intereses económico consolidados neste país, polo que son un apoio fundamental para a internacionalización da economía galega.

Neste senso, o titular do Goberno galego recordou que na relación de Galicia con México non se parte de cero porque contamos co efecto arrastre da gran cantidade de empresas galegas e españolas que están radicadas no país norteamericano, e porque nos últimos anos avanzamos importantes acordos que permitiron establecer unha relación de mutua confianza que debemos seguir desenvolvendo.

Nesta mesma liña, Feijóo aseverou que en momentos de dificultades no mercado español, Galicia necesita internacionalizar a súa economía máis que nunca “e, nese sentido, -dixo- México é unha oportunidade, tal e como xa constatamos na pasada lexislatura, e o vai seguir sendo nesta”.

Con máis de 112 millóns de habitantes, México é na actualidade un gran mercado cun gran potencial, que supón a terceira economía do continente americano; cunha grande estabilidade macroeconómica, a pesar da situación mundial; e que está facendo grandes apostas para mellorar a súa competitividade e, por tanto, ten moitas portas abertas nas que poderían entrar algúns dos principais sectores produtivos galegos. Así mesmo é o segundo destino en Latinoamérica para os produtos galegos e o terceiro dentro do continente americano, e 400 empresas galegas teñen relacións comerciais con país.

811 lecturas