Feijóo concreta co presidente de Hamburgo unha axenda de aproximación co obxectivo de pechar acordos no eido da FP Dual que inclúan intercambio de estudantes e prácticas en empresas alemás

O titular da Xunta mantivo hoxe unha xuntanza co presidente e alcalde de Hamburgo, Olaf Scholz.

“Neste momento de saída da crise económica, temos que apostar polos espazos de maior benestar económico e menor desemprego do mundo e, este Estado de Hamburgo, sen dúbida, é o territorio axeitado para empezar a construír unha relación frutífera e de experiencias de formación dual”, afirma.

Destaca que o sistema educativo alemán reserva á formación profesional un papel indispensable na loita contra o desemprego xuvenil: só en Hamburgo máis de 52.000 mozos e mozas estudaron este curso FP, 36.000 delas e deles, FP Dual, enfocada na súa maior parte á industria, ao comercio ou á gastronomía

O titular da Xunta tivo tamén a oportunidade de falar co presidente de Hamburgo sobre outros sectores, como o sector da enerxía eólica mariña, onde Feijóo resaltou que os estaleiros galegos, e máis concretamente os da ría de Ferrol, poden ter un papel importante na construción destas infraestruturas mariñas.

O presidente autonómico completará a súa axenda de hoxe cunha visita, esta tarde, ao Porto de Hamburgo, onde manterá un encontro co director deste organismo; e, posteriormente, presidirá o acto de presentación de Turismo de Galicia no buque escola Juan Sebastián de Elcano.

O titular da Xunta mantivo hoxe unha xuntanza co presidente e alcalde de Hamburgo, Olaf Scholz
O titular da Xunta mantivo hoxe unha xuntanza co presidente e alcalde de Hamburgo, Olaf Scholz
Listen to this page using ReadSpeaker
Hamburgo (Alemaña), 23 de xuño de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, concretou hoxe, durante unha xuntanza co presidente de Hamburgo, Olaf Scholz, unha axenda de aproximación co obxectivo de pechar un acordo no eido da formación dual, unha modalidade da FP que combina formación docente coa experiencia en empresas.

Nesta liña, Feijóo avanzou a posibilidade de establecer acordos de intercambio de estudantes de Formación Profesional que poidan facer prácticas en empresas alemás, e máis concretamente dentro do Estado de Hamburgo.

O titular do Goberno galego destacou que o emprego xuvenil é unha das prioridades da Xunta e, neste sentido, lembrou que Galicia conta con 100 millóns de euros dentro do Plan de emprego xuvenil, no que a formación dual é un eixo fundamental para diminuír a porcentaxe de desemprego da mocidade galega. “Neste momento de saída da crise económica, temos que apostar claramente polos espazos de maior benestar económico e menor desemprego do mundo e, este Estado de Hamburgo, sen dúbida, é o territorio axeitado para empezar a construír unha relación frutífera e de experiencias de formación dual”.

Sobre este último aspecto, o presidente da Xunta destacou que o sistema educativo alemán reserva tamén á formación profesional un papel indispensable na loita contra o desemprego xuvenil. Non en van, só en Hamburgo máis de 52.000 mozas e mozos estudaron este curso FP, 36.000 delas e deles, FP Dual, enfocada na súa maior parte á industria, ao comercio ou á gastronomía.

Ao fío disto, Feijóo incidiu en que o Goberno galego tamén entende a formación como un factor fundamental para favorecer o acceso da mocidade ao mercado laboral. “O obxectivo é que despois da formación profesional eses rapaces se incorporen á sociedade do traballo, á sociedade industrial”, aseverou.

Durante a xuntanza, o presidente da Xunta tivo tamén a oportunidade de falar co presidente e alcalde de Hamburgo sobre outros sectores, entre os que destacou o sector da enerxía eólica mariña. E, sobre este asunto, Feijóo resaltou que os estaleiros galegos, e máis concretamente os da ría de Ferrol, poden ter un papel importante na construción destas infraestruturas mariñas.

“En definitiva, iniciamos unha axenda de traballo con Hamburgo que espero que frutifique no futuro, tanto desde o punto de vista portuario e desde o punto de vista das enerxías renovables, como desde o punto de vista específico do emprego xuvenil, na formación dual, para buscar saídas de traballo efectivas aos rapaces que están finalizando a súa formación profesional”.

O presidente da Xunta completará a súa axenda no día de hoxe cunha visita, esta tarde, ao Porto de Hamburgo, onde manterá un encontro co director deste organismo, Wolfgang Huertienne. Posteriormente, ás sete da tarde, presidirá o acto de presentación de Turismo de Galicia no buque escola Juan Sebastián de Elcano.

838 lecturas