Escenas da Galicia urbana, rural e mariñeira compoñen a mostra pictórica 'Costumismo galego', que se exhibe na Casa de Galicia

A exposición pode visitarse ata o 26 de abril na Casa de Galicia en Madrid.

De Vidal Martín Palacios, pintor namorado de Galicia e en especial da Serra de Barbanza e a Ría de Muros e Noia.

  • Vidal Martín Palacio na presentación da súa mostra pictórica na Casa de Galicia
    Vidal Martín Palacio na presentación da súa mostra pictórica na Casa de Galicia
  • Vidal Martín Palacio na presentación da súa mostra pictórica na Casa de Galicia
    Vidal Martín Palacio na presentación da súa mostra pictórica na Casa de Galicia
  • Vidal Martín Palacio na presentación da súa mostra pictórica na Casa de Galicia
    Vidal Martín Palacio na presentación da súa mostra pictórica na Casa de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 3 de abril de 2013.

Costumismo galego, a exposición de pintura de Vidal Martín Palacios que se exhibe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid dende hoxe ata o próximo día 26 recrea escenas galegas urbanas, rurais e mariñeiras nas que se desenvolveron as vivencias galegas deste artista toledano namorado de Galicia e en especial da Serra de Barbanza e da Ría de Muros e Noia, que frecuenta dende hai tres décadas.

Na inauguración da mostra, interveu, ademais do pintor, o coordinador de Actos Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen se referiu a Martín Pazos como "un pintor de longa traxectoria marcada de premios que gusta de inspirarse na natureza feraz de Galicia, á que toma apuntamentos e fotos que lle serven para desenvolver logo os seus temas e o seu estilo pictórico". Un estilo do que observou que se dixo que é figurativo e realista e opinou que “se tende a clasificar así a pintura de Martín Palacios porque a palabra costumismo e o seu concepto inducen a iso, pero non é exactamente así no caso dos cadros que estamos a ver". "Neles a pincelada é máis solta que no realismo puro, polo que sería máis apropiado cualificar o seu estilo como de impresionismo realista ou de impresionismo figurativo", valorou.

Martín Palacios, que se recoñece tímido e "novo e positivo aos meus 78 anos" explicou que o seu primeiro contacto con Galicia tivo lugar en 1980, a través dun amigo, que tiña unha casa alí. Despois foi a Noia e coñeceu a Benito Juanatey, que rexentaba unha galería de arte e antigüidades á beira do río Tambre. Gustoulle unha das súas lámpadas pero non levaba diñeiro e, ante a súa sorpresa, o comerciante invitoulle a levarlla e a que o pagase despois; con algunha das súas obras, engadiu cando se decatou de que era pintor. Máis tarde expuxo as súas pinturas nesa galería.

O pintor tamén fixo notar que coñeceu persoalmente ás personaxes que retrata nos seus cadros, coas que polo menos mantivo algunha conversación. Nun deles, "Peregrinos en Santiago de Compostela", retrátase a si mesmo e a diversos membros da súa familia como peregrinos, neste caso adiantando o que desexa que se converta nunha vivencia real en breve.

"Un verán, un verán calquera Vidal descobre a súa alma galega, pintor toledano de corazón celta, peregrino de rías e montes, que no seu camiñar encontra lugares, sabores, olores e xentes... Namorado de Galicia, da súa luz azul e dos seus montes verdes", describe no prólogo do catálogo da exposición Laura Alai, licenciada en Xeografía e Historia e filla do artista. Explica tamén que "as súas obras son auténticas poesías de pinceladas soltas, de cantos ás xentes sinxelas" e que é raro ver unha obra súa sen figura humana.

"Os seus lenzos, característicos polas súas tonalidades azuladas, zumegan o ambiente húmido, a néboa, o ceo azul e o sol quente plasmando escenas de pescadores, marisqueiros, mercados, folclores e tradicións" e recollen cores, sons, "infatigables traballadores, algaravía de redes e leas de gaivotas, alegría de mozos festejantes, praias bravas de historias interminables..., anaquiños de espellos, que o autor pinta desa Terra Encantada, Terra Meiga, Terra da Alma,".

As obras seleccionadas por Martín Pazos para esta mostra corresponden a distintos anos e escenarios, pois despois de trinta anos de exposicións o artista formúlase non organizar máis. Por iso quixo que nela figuren tamén escenas do seu Nombela natal, de Toledo e mesmo algunha de Madrid.

A exposición pode visitarse ata o 26 de abril. O horario dos días laborables é de 10 a 14 e de 16 a 20 horas e o de domingos e festivos de 10 a 14 horas.

1262 lecturas