Emigración recoñece e apoia o labor asistencial e sociocultural das comunidades galegas en Venezuela, e destina 600.000 euros á atención ás e aos galegos daquel país

A decena de entidades galegas presentes na República Bolivariana realizan un labor que, por mor das complicacións actuais que atravesa o país, transcende aos seus asociados e axuda a atender as necesidades dos máis de 46.000 galegas e galegos no país.

Froito da colaboración con estas entidades, Emigración axuda a familias en situación de precariedade, a dependentes e enfermos graves ou permanentes, a adquirir medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, a galegas que sofren violencia de xénero, e a paliar situacións de exclusión social por desemprego, entre outros aspectos.

Miranda nunha recente visita ao Fogar San Xosé (Caracas)
Miranda nunha recente visita ao Fogar San Xosé (Caracas)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2015.

A Secretaría Xeral da Emigración, a través de distintas liñas e ordes públicas de subvencións, recoñece e apoia o labor asistencial e sociocultural que desenvolveron e desenvolven a decena de comunidades galegas presentes en Venezuela. Un labor, redobrado pola complicada situación que está a atravesar o país, que se fai máis necesario que nunca, e que realizan desde hai décadas de maneira altruísta.

Ademais dos acordos para apoiar directamente ese traballo no ámbito dos servizos sociais, Emigración apoia o desenvolvemento de accións que consolidan o papel desas comunidades como eixo catalizador de toda a Galeguidade no país. Así, e precisamente polo delicado do momento en Venezuela, as súas funcións e carteira de servizos estanse a ampliar non só aos asociados directos, senón a toda a colectividade galega presente na República Bolivariana.

No caso da capital, asemade, a ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ en Caracas desenvolve tarefas de apoio para facilitar os requisitos administrativos ás persoas beneficiarias dos programas sociais de Emigración: ademais das axudas individuais, as de emerxencia social, e tamén os programas Conecta con Galicia, Reencontros na Casa, Reencontros na Terra, Escolas Abertas, Campamentos de Verán, obradoiros e seminarios, etc.

Estas tarefas desenvólveas non só para os seus asociados, senón tamén noutras poboacións, da man das outras comunidades galegas presentes no país, con beneficio para calquera cidadán galego que, sen pertencer á Hermandad, poda acollerse a estes programas, mercé ao carácter de centro colaborador que a Xunta lle ten concedido.

Así, de maneira complementaria, a Hermandad está a realizar labores de pescuda de galegas e galegos en situación de precariedade, tanto na capital coma noutras poboacións, tarefa que resultaría inviable sen a súa activa colaboración, e a decidida implicación das traballadoras e traballadores, e membros en xeral, da entidade, que a Xunta recoñece e valora.

Viaxe de Miranda
Precisamente, para coñecer en detalle a actualidade dese traballo, e tamén as novidades máis recentes sobre a situación da colectividade galega no país, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, levará a cabo unha nova viaxe a Venezuela a semana que ven, durante a cal procederá a renovar acordos para seguir garantindo a atención sociosanitaria a maiores galegos en risco de exclusión social.

O departamento que dirixe Rodríguez Miranda ten investido ao longo de 2014 –último exercicio orzamentario executado, sendo similar a previsión para 2015- en accións sociais en Venezuela un total de 600.000 euros, entre axudas individuais, acordos para atención sociosanitaria con entidades que traballan neste eido, e diversos programas sociais da Secretaría.

Desta maneira, ademais de axudar no coidado aos maiores galegos residentes en Venezuela, e froito da colaboración e o intenso labor das comunidades galegas a pé de campo, Emigración pode axudar ás galegas e galegos residentes en Venezuela con unidade familiar en situación de precariedade; con situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; con invalidez ou enfermidade permanente; sen cobertura abondo de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves; a mulleres que sofren violencia de xénero; e as situacións de risco de exclusión social por desemprego na unidade económica familiar; entre outras casuísticas amparadas polos programas e liñas de axuda da Secretaría Xeral das que se benefician os galegos do Exterior en situación de precariedade.

1013 lecturas