Emigración cuadriplica as axudas ao autoemprego e á creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración complementa, sen excluílas, as axudas da Consellería de Traballo e Benestar e as do IGAPE para autónomos e autónomas e persoas emprendedoras.

Impúlsase así esta medida pioneira posta en marcha o pasado ano.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, para o ano 2014.

Estas subvencións, cun orzamento global de 200.000 euros (catro veces máis ca o ano pasado) e un tope máximo de 8.000 euros por solicitude (no caso de muller, menor de 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa), son compatibles e complementarias ás axudas establecidas para a poboación galega xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e tamén ás da Consellería de Traballo e Benestar.

Este último departamento autonómico presentou o pasado ano 2013 distintas liñas de financiamento, por valor superior aos 25 millóns de euros, para apoiar o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia, para apoiar as iniciativas emprendedoras e de emprego, e para incentivar a contratación indefinida de ata tres traballadores ou traballadoras.

Loita contra o desemprego
Con estas liñas de subvencións á e ao emprendedor, o Goberno galego materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia e loitar contra o desemprego. No caso concreto da resolución de Emigración, preténdese que o retornado ou retornada aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias profesionais e persoais acadados no Exterior en beneficio de toda a comunidade, cree novos postos de traballo ao tempo que consolida a súa volta á terra, e mesmo contemple Galicia como destino para o investimento do seu patrimonio.

Esta resolución persegue que a ou o retornado poida beneficiarse desta liña específica de axudas para o seu proxecto de autoemprego ou empresarial, e tamén que lle sirva de reclamo para coñecer as establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a poboación xeral, e tamén as do IGAPE.

Desta maneira, incentívase que os proxectos que teñan en mente as persoas de volta na Comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz de experiencias profesionais no Exterior. Asemade, conséguese engadir viabilidade aos proxectos do galego ou galega residente arestora fóra da súa terra.

Obxectos da subvención
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos iniciais que leva consigo o establecemento das persoas emigrantes retornadas ben como traballadoras autónomas ou por conta propia, ou ben como socias traballadoras de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios e destinatarias ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, taxas, licenzas administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados no período comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución.

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e autónomas e 6.000 para membros de sociedades laborais ou de cooperativas, con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e tamén 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa emigrante retornada (nacionalidade española e que non transcorrera máis de dous anos desde a volta a España), que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dada de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de setembro.

1597 lecturas