Emigración compromete o seu apoio á continuidade do premio literario 'Rosalía de Castro', unhas das actividades con maior proxección da Casa de Galicia en Córdoba

A comunidade galega na cidade andaluza é un exemplo de integración e achega cultural na sociedade de acollida, ata acadar unha importante sona en toda Andalucía.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho en Santiago á membro da directiva da Casa de Galicia de Córdoba, Maribel García Cano
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho en Santiago á membro da directiva da Casa de Galicia de Córdoba, Maribel García Cano
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho en Santiago á membro da directiva da Casa de Galicia en Córdoba, Maribel García Cano, quen expuxo a actividade desenvolvida pola súa entidade nos últimos meses, nos que o propio Miranda tivo ocasión de achegarse a coñecer a viveza do sentimento de Galeguidade entre as e os galegos residentes na antiga cidade califato.

“Córdoba é un exemplo senlleiro de mantemento das ligazóns entre os galegos da diáspora, e entre as segundas xeracións e a terra dos seus pais”, en palabras do secretario xeral, que comprometeu o apoio do seu departamento para a continuidade do premio literario Rosalía de Castro, que organiza o Centro Galego de Córdoba, e que ten acadado unha importante sona dentro e fóra da cidade polo importante número de obras, e a calidade das mesmas, que se presentan cada ano.

Con case 30 anos de historia, a Casa de Galicia en Córdoba mantén unha frutífera colaboración coas administracións locais para a realización de actividades culturais. É un dos centros máis activos neste eido, xa que, ademais das constantes e permanentes actividades, convoca diversos premios que teñen adquirido un gran prestixio na sociedade andaluza.

No ano 1991, o Centro adquiriu un inmoble nunha das máis emblemáticas zonas históricas de Córdoba, no que seguen a contar cunha sede social referente para toda a comunidade galega da provincia. No baixo, asemade, conta cun restaurante que ten acadado importante sona en toda a provincia pola súa calidade, e que liga a innovación gastronómica coa tradición secular da cociña galega, empregando en moitas ocasións produtos da nosa terra.

1180 lecturas