Emigración adxudicou xa un millón catrocentos cincuenta mil euros para apoio ao labor das comunidades galegas no exterior

Deste orzamento, 900.000 euros corresponden a axudas ao funcionamento e actividades, e máis de 550.000 a apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos.

Na puntuación do baremo das resolucións favorécese ás entidades que sexan resultado do proceso de unión ou fusión de varias comunidades galegas, cumprindo neste senso o compromiso do Goberno galego.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2014.

A Secretaría Xeral da Emigración ten xa resoltas e comunicadas as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2014, así como as subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos para estas comunidades.

Arestora, xa se ten constancia da comunicación ás entidades beneficiarias desta circunstancia, de maneira que están xa a remitir a Emigración a documentación xustificativa, e así poderá liberarse o pago de xeito inmediato.

A Administración galega está actuando coa máxima dilixencia posible para poñer en disposición das entidades galegas o orzamento destinado a estas axudas, no propio ano natural da convocatoria, tendo transcorrido menos de catro meses desde a publicación da mesma ata a adxudicación definitiva das axudas.


Tipos de axuda
O primeiro grupo de subvencións convocadas e xa resoltas polo departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda axudan a que as entidades galegas establecidas no Exterior, ou noutras comunidades autónomas, realicen programas de actividades que lles sexan propias (sinaladamente, nas áreas formativa, cultural, e de xuventude), así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento. Trátase pois dunha axuda que o Goberno concede, por valor global de 898.487 euros, para o desenvolvemento dos propios centros e dalgunhas das súas actividades, o que supón un incremento de 100.000 euros respecto da convocatoria similar do ano anterior, que demostra o compromiso do Goberno coas comunidades galegas mesmo en tempos de restricións económicas.

O segundo grupo de subvencións refírese a apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos, destinando Emigración 552.149 euros en conxunto. Do total desta partida, 437.900 euros achéganse para sufragar un primeiro programa de axudas para a ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou patrimonio cultural, e os outros 114.249 teñen por finalidade axudas para mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

Poden solicitar cada ano estas subvencións, e seren beneficiarias das mesmas, todas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia inscritas no Rexistro da Galeguidade.

Pulo á unión
Asemade, nas respectivas convocatorias explícase que “os principios de economía, austeridade e eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos que deben presidir a actuación das administracións públicas determinan que deban buscarse fórmulas que posibiliten unha xestión máis racional e eficiente dos recursos públicos, que garantan unha mellor optimización destes. Neste senso, a Lei de Galeguidade establece que a Xunta de Galicia promoverá os procesos de unión ou fusión entre as entidades galegas no exterior, perseguindo así unha optimización non só dos recursos propios, senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia administración a través dos correspondentes programas de axudas e subvencións”.

Así, estableceuse unha maior puntuación na valoración das solicitudes daquelas entidades que sexan o resultado dun recente proceso de unión ou fusión doutras entidades ou que nos seus ámbitos territoriais teñan a característica de ser as únicas recoñecidas coa correspondente categoría.

Deste xeito, dáse forma e continuidade ao compromiso do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, de apoiar e favorecer estes procesos de fortalecemento e axeitado dimensionamento das comunidades galegas no Exterior.

960 lecturas