Embaixador e cónsul de Cuba visitan a planta central de Coren, acompañados de Miranda e altos cargos de Medio Rural, para coñecer o seu modelo cooperativo

Persoal do grupo empresarial expuxo o proceso histórico, desenvolvemento e organización produtiva da gran cooperativa galega, que abrangue 22 industrias distintas e factura arredor dos 1.000 millóns de euros.

A intención do Goberno da illa é coñecer polo miúdo a experiencia da empresa ourensá, por se algúns dos seus aspectos fosen aplicables ao momento de actualización económica que leva a cabo o país americano

  • Na imaxe, un momento da visita das autoridades galegas e cubanas á sede central de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)
    Na imaxe, un momento da visita das autoridades galegas e cubanas á sede central de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)
  • Na imaxe, un momento da visita das autoridades galegas e cubanas á sede central de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)
    Na imaxe, un momento da visita das autoridades galegas e cubanas á sede central de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)
  • Na imaxe, un momento da visita das autoridades galegas e cubanas á sede central de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)
    Na imaxe, un momento da visita das autoridades galegas e cubanas á sede central de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2014.

O embaixador da República de Cuba no Reino de España, Eugenio Martínez, e mailo cónsul en Galicia, José Antonio Solana, coñeceron o modelo cooperativo de Coren para avaliar en que medida este pode ser aplicable para fortalecer os sectores produtivos e facilitar o desenvolvemento agrogandeiro de Cuba, agora que o país está a vivir un proceso de actualización económica.

Martínez e Solana percorreron ademais as instalacións centrais do grupo empresarial, onde foron recibidos polo director de planta, Emilio Rial, acompañados en todo momento polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar, Alfonso García, o xefe territorial desta Consellería en Ourense, Iago Borrajo, e outros e outras profesionais adscritos a este último departamento.

Os diplomáticos cubanos foron informados das diferentes liñas de traballo nas que se organiza o grupo empresarial, que abrangue todo o ciclo completo de produción,  transformación, comercialización e mesmo exportación, dos produtos agrogandeiros galegos, conseguindo así que esa produción chegue ata o último elo da cadea de venda, o consumidor e a consumidora finais. A base cooperativa resulta de especial interese para as autoridades da illa, pois, partindo de pequenas entidades de produción, o grupo acada unha presenza multinacional.

Pegada da viaxe de Feijóo
A visita dos diplomáticos é resultado das boas relacións entre ambos países, a cuxo afondamento contribuíu a recente viaxe á outra beira do Atlántico do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. “Trátase dunha posible oportunidade de negocio para unha empresa punteira nun sector estratéxico da nosa terra, e unha nova ocasión para materializar os desexos de intensificar a relación social, cultural, e agora tamén empresarial, entre Cuba e Galicia”, salientou Miranda.

A empresa
Coren, con máis de medio século de historia, é unha das cooperativas de transformación do sector primario de máis éxito e importancia en España e en Europa. Cómpre salientar o peso do grupo Coren na economía -factura arredor dos 1.000 millóns de euros anuais-, e na sociedade galegas, xa que 6.000 familias están vinculadas a este grupo.

Coren realiza actividades nos subsectores de avicultura, porcino e vacún, e as súas 22 industrias dan emprego a máis de 3.200 persoas, delas 3.000 en Galicia. Asimesmo, conta con 3.500 cooperativistas. O seu volume de negocio representa preto do 40% no sector agrogandeiro galego e procesa cada ano 950.000 toneladas de penso, 70 millóns de polos, ou 170 millóns de ovos, entre outros produtos.

1059 lecturas