A Confraría da Queimada no País Vasco inviste como novo membro de honra a Antonio Rodríguez Miranda

Esta distinción foi recollida entre moitas e moitos outros, ao longo dos seus 20 anos de existencia, por Perurena, Díaz Pardo, Chillida ou Arguiñano.

O secretario xeral da Emigración acepta o nomeamento este domingo no decurso do XX Gran Capítulo da entidade.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, aceptará este domingo o seu investimento como membro de honra da ‘Enxebre e Pelengrina Confradía da Augardente e a Queimada no País Vasco’, que celebra en Donostia o seu vixésimo Gran Capítulo.

Previamente á solemne investidura, o programa de actos do evento comezará ás dez da mañá coa recepción oficial ás e aos confrades, amaikateko (mestura de produtos a modo de aperitivo matinal, todos eles tradicionais galegos), desfile ata a parroquia de San Ignacio, misa trilingüe (en castelán, galego e éuscaro), interpretación da marcha polas gaiteiras e gaiteiros do grupo Trisquele, marcha ata o salón de plenos da Casa do Concello donostiarra, aurresku de honra; e actuación da Coral Polifónica de Bera.

Despois chegará propiamente o Gran Capítulo Xeral, no que serán investidos confrades de honra, ademais de Rodríguez Miranda, o xestor de empresas Silvino Díaz, o cociñeiro e colaborador de Euskal Telebista David de Jorge, e o xornalista de Tele Donosti Juan Mari Mañero. Tralo Capítulo, terá lugar o xantar, e a queimada ‘iniciática’, con fórmula propia da entidade.

Espallar Galicia
No decurso da súa intervención xa como confrade investido, Miranda afirmará que “na tarefa de espallar Galicia por Euskadi e o resto de España e do mundo, as comunidades da diáspora tendes o reto de futuro de manter ese espírito de convivencia e respecto ás culturas de acollida, pero tamén de apoio e axuda á nosa terra. Galicia, que nas últimas décadas ten experimentado un desenvolvemento sen precedentes na súa historia, segue necesitando o voso calor, da mesma maneira que -dígovolo con toda a solemnidade e diante de tódalas e tódolos confrades- Galicia xamais vos esqueceu e xamais vos esquecerá”.

O máximo responsable da Xunta en materia de Emigración tamén quererá -ao longo dun discurso no que combinará castelán, galego, e mesmo unhas palabras en éuscaro- “facer un recoñecemento expreso ás comunidades galegas no País Vasco por seren das primeiras en amosar a capacidade de unirse e de levar a cabo actividades en común, deixando de lado protagonismos ou personalismos estériles. O camiño encetado polas galegas e os galegos residentes nestas terras foi, como en tantas outras ocasións na historia, pioneiro”.

Irmandade con Euskadi
A Enxebre e Pelengrina Confradía da Augardente e a Queimada no País Vasco naceu co apoio da infraestrutura da Casa de Galicia de San Sebastián no ano santo de 1993, coa intención de ligar o fenómeno xacobeo e a promoción de Galicia coa gastronomía. Desde entón, desenvolve un Capítulo anual no que se procura a irmandade co pobo vasco e, de maneira especial, recoñécese o labor realizado por persoas ou entidades para reforzar a ligazón entre Euskadi e Galicia.

Foron nomeados ao longo destes vintes anos confrades de honra, entre moitas e moitos outros e outras, os actores Óscar Terol, o cantautor Imanol, o presentador de televisión Xosé Ramón Gayoso, ou o cineasta Chano Piñeiro; os cociñeiros Karlos Arguiñano, Juan Mari Arzak, Martín Berasategi ou Pedro Subijana; o harrijasotzaile Iñaki Perurena; os escritores Isaac Díaz Pardo, Laura Espido, ou Alfredo Conde; o escultor Eduardo Chillida; os exlehendakaris Garaikoetxea, Ardanza e Ibarretxe, e gobernantes en institucións galegas e vascas pertencentes a diversas formacións políticas; así como os centros galegos de Sevilla, Madrid, Avilés, Lisboa, e Bruselas, ademais da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi.

766 lecturas