Visita do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia e presentación dun libro na Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina
O xoves 24 de abril a partir das 19,00 h. o secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, visitará a Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina e o Museo de la Emigración Gallega en la Argentina (MEGA), quen viaxará a Arxentina co gallo da celebración da 40ª Feria Internacional del Libro de Buenos Aires.
Asemade, presentarase o libro sobre Manuel Lueiro Rey A liberdade ferida, publicado pola Editorial Alborada, que resume o valioso legado literario deste comprometido escritor galego.
Contarase tamén coa actuación do grupo musical galego Xardín Desordenado, que interpretará poemas de Xosé María Díaz Castro, o literato guitiricense a quen a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2014.